A Xunta de Galicia colabora coa décima edición de Culturgal, que terá lugar en Pontevedra do venres 1 ao domingo 3 de decembro, tanto en calidade de principal entidade patrocinadora do evento, como a través dunha vintena de actividades organizadas pola Consellería de Cultura e Educación dentro do programa xeral desta feira das industrias culturais.
Obradoiros, presentacións, relatorios e proxeccións cinematográficas conforman a achega institucional, que se estenderá tamén ao amplo stand da Xunta no recinto feiral do Pazo da Cultura e ao expositor do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) no novo Espazo Arte Contemporánea de Culturgal. Ademais as secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Fundación Cidade da Cultura contribuirán a unha programación que reflectirá o importante papel do goberno autonómico como promotor da cultura galega.
A estadía en Galicia do Pergamiño Vindel, único testemuño conservado das cantigas de amigo galego-portuguesas coa súa notación musical, terá un destacado protagonismo na proposta de actividades. É un tesouro en sete cantigas, que pode visitarse ata o 4 de marzo no Museo do Mar de Vigo.
Dela darase conta igualmente no relatorio que terá lugar no Espazo Foro de Culturgal o sábado, ás 18,00 horas, para afondar na singularidade do manuscrito coas cantigas de Martín Códax nas súas dimensións literaria e musical da man dos profesores Pilar Lorenzo e Carlos Villanueva.
OBRADOIROS INFANTÍS
Arredor desta xoia da literatura medieval galego-portuguesa xirará, ademais, o taller Scriptorium. O mestre dos códices, que se desenvolverá o domingo, ás 17,00 horas, no Espazo Arte Contemporánea. Mekané Didáctica impartirá este obradoiro a través do que os nenos descubrirán as técnicas e materiais empregados na Idade Media para a copia de manuscritos.
A Xunta organizará outros dous talleres para rapaces de 6 a 11 anos, coa arquitectura como fío condutor. O educador Santiago Chenlo aplicará a didáctica do sistema Lupo de pezas modulares, a partir das que os participantes construirán unha maqueta de gran tamaño da fachada do edificio do CGAC, deseñado por Álvaro Siza. As citas serán o sábado, de 12,30 a 14,00 horas, e o domingo, de 11,30 a 13,00 horas, previa inscrición no punto de información da feira.
O público infantil e escolar será tamén o obxecto dunha sesión arredor dos programas pedagóxicos do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia), na que o alumnado dos CEIP A Rúa, de Cangas, e Tenorio, de Cotobade, exhibirán as curtametraxes realizadas no marco de Cine en Curso (no Espazo Libro o venres, ás 12,30 horas).
Culturgal acollerá, así mesmo, a presentación do espectáculo teatral de dinamización da lingua galega A galiña azul, de Ubú Teatro, como parte do circuíto FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística (Espazo Infantil, venres ás 18,00 horas), e mais dos programas da Cidade da Cultura Nadal no Gaiás e Pequefilmes, coa proxección das curtas Einstein-Rosen e Cordas, o domingo, ás 12,45 horas, de novo no Espazo Infantil.
CINEMAS DE GALICIA
Culturgal será o escenario para tres pases doutras tantas películas do circuíto da Agadic Cinemas de Galicia, que poderán verse no Salón de Actos:
- Sicixia (sábado, ás 17,00 horas)
- Mimosas (sábado, ás 19,00 horas)
- María (e os demais) (domingo, ás 18,00 horas).
En canto ao resto das actividades organizadas directamente por Cultura e Educación, haberá lugar para outra ampla variedade de presentacións como as:
- Centro de Emprendemento Creativo Gaiás (venres, 18,00 horas, no Espazo Libro)
- Festival Escenas do Cambio 2018 (venres, 19,00 horas, no Espazo Arte Contemporánea).
- Os proxectos Memoria Dixital de Galicia (sábado, 12,15 horas, Espazo Foro)
- Uxía-O (sábado, 13,00 horas, no Espazo Libro, de publicacións como o último Caderno Ramón Piñeiro dedicado a Carlos Casares (sábado, 11,30 horas, no Espazo Libro),
- Videoclip Nun mar azulpara concienciar sobre o autsmo (domingo, 17,30 horas, no stand)
- Estudo metodolóxico sobre a repercusión económica e social dos eventos culturais, realizado por Fran Núñez e que será publicado pola Agadic (venres, 18,30 horas, no Espazo Libro).
Ademais, e tendo en conta que este ano Portugal é o país convidado de Culturgal, a Consellería presentará dúas accións arredor da literatura e da música en colaboración con diferentes institucións lusas:
- Conversas Nortear (sábado, 16,30 horas, Espazo Libro)
- 4ª Semana de Convergências Portugal-Galiza (domingo, 16,30 horas, no Espazo Foro).