Aberto o prazo de inscrición ás probas de acceso para a Xove e para a Infantil Orquestra Sinfónica

Pontevedra
21 de novembro 2022

A renovada Orquestra Sinfónica de Pontevedra establece ata o domingo 27 o período para apuntarse a estas probas de acceso destinadas a poboación moza e infantil. Para apuntarse é necesario acceder á web www.sinfonicadepontevedra.com/a> onde figuran o formulario e as bases da convocatoria

Violín
Violín / Shunichi kouroki

Desde este luns 21 e ata o domingo 27 de novembro permanecerá aberto o período para inscribirse nas probas de acceso para formar parte da Xove e da Infantil Orquestra Sinfónica de Pontevedra. Poderán apuntarse todos aqueles intérpretes infantís e xuvenís que queiran integrarse na agrupación.

As bases e o formulario atópanse na web da Orquestra Sinfónica de Pontevedra. As probas realizaranse durante o sábado 10 e o domingo 11 de decembro.

A batuta da Orquestra Infantil seguirá nesta nova tempada nas mans de Marta Souto Caride, violinista titulada polo Conservatorio Superior de Música de Vigo e polo Real Conservatorio de Música de Madrid na especialidade de Música de Cámara.

A Xove Orquestra Sinfónica estrea dirección. Pablo Puga asume este reto desde a súa mocidade. Tamén é violinista con formación no Conservatorio Profesional de Vigo e como director de orquestra foi convidado a dirixir agrupacións novas de Euskadi e de Galicia. Mantén unha formación continua e asiste aos ensaios da Orquestra e Coro de Radio Televisión Española e da Orquestra e Coro Nacionais de España, entre outros.