Abre as portas o Culturgal, a cita no Recinto Feiral para presumir de cultura galega

Pontevedra
04 de decembro 2015

Desde este venres 4 ata o domingo 6, centos de actividades van desenvolverse nas instalacións do Pazo da Cultura coa presentación dalgunhas das mellores propostas da industria cultural galega

Inauguración do Culturgal 2015
Inauguración do Culturgal 2015 / Mónica Patxot
A presidenta da Deputación reclama que Culturgal continúe na provincia de Pontevedra /

Máis de 120 actividades van desenvolverse durante tres días nas instalacións do Recinto Feiral do Pazo da Cultura dentro da nova edición da Feira das Industrias Culturais galegas, Culturgal. Espérase que ao redor de 15.000 persoas visiten as casetas instaladas pertencentes a 81 entidades expositoras relacionadas coa música, o teatro, a literatura, a arte contemporánea, o audiovisual ou os espectáculos infantís.

A inauguración correu a cargo do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que realizou unha referencia á ausencia do escritor Neira Vilas, falecido hai unha semana, nun evento no que as letras teñen unha gran importancia e que serve, segundo o conselleiro, para promover a identidade cultural de Galicia.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou a presenza dos distintos concellos da provincia nesta cita e insistiu en que o Culturgal debe de seguir realizándose na provincia de Pontevedra. A concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, fixo fincapé na importancia das empresas galegas como motor económico que axuda a contribuír en crear unha sociedade máis formada, máis xusta e máis feliz. 

A Feira mantén un "espazo Neira Vilas" no que o público pode escribir unhas palabras para despedirse do autor de 'Memorias dun neno labrego'. Nesta edición estaba previsto que o autor de Gres presentase o seu último libro. A pesar da súa morte, a editorial mantén o acto previsto para este sábado 5 ás 12.45 horas.

Ao longo do recinto desenvólvense actividades para nenos e mozos con actuacións teatrais, xogos e presentacións de libros, discos ou proxectos audiovisuais nun amplo programa de eventos. Existe un espazo decorado elegantemente para cafetería preto dunha zona destinada a bebés menores de 3 anos

Ao longo destes días polo Culturgal daranse cita algúns dos escritores máis destacados do panorama actual da literatura galega como a premiada Ledicia Costas, Manuel Rivas, Diego Ameixeiras, Fran P. Lorenzo ou Antón Riveiro Coello e haberá espectáculos como o 'Dá de contar a quen pasa' do sábado 5 ás 21.30 coa presenza, entre outros, de Cándido Pazó.

Os principais eventos do Culturgal poden seguirse a través dunha canle de streaming do Culturgal.