Abre no Pazo da Cultura a mostra ‘Sempre máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galiza do Prestige’

Pontevedra
07 de outubro 2023

A exposición, organizada pola Asociación Unha Gran Burla Negra, recolle achegas de diferentes colectivos integrados en ‘Nunca máis’ e grupos ecoloxistas galegos

Mostra ‘Sempre máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galiza do Prestige’
Mostra ‘Sempre máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galiza do Prestige’ / Mónica Patxot

Este venres tivo lugar na sala de exposicións do Pazo da Cultura a inauguración da mostra 'Sempre máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galiza do Prestige'.

Ao acto asistiu o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiro de Cultura Demetrio Gómez, o comisiario da mostra, Germán Labrador, e o presidente da Asociación Unha Gran Burla Negra, Daniel López Abel.

Nos vinte anos do seu aniversario, esta mostra expositiva quere volver sobre a memoria, a creatividade e as protestas que acompañaron o afundimento do Prestige para reflexionar sobre a necesidade hoxe de seguir xuntando a defensa da democracia e da ecoloxía.

A partir do arquivo vivo da Asociación Unha Gran Burla Negra, que leva acompañando os legados do Nunca Máis dende o ano 2017, e grazas unha rede extensa de artistas, investigadoras, activistas e compañeiras, este proxecto colectivo busca "abrir preguntas incómodas, imaxinar mundos e partillar loitas".

Entre eses colectivos e as súas achegas atoparemos a pontevedresa Asociación pola Defensa da Ría (APDR) que amais dunha numerosa cantidade de material, difunde o seu documental “Paraíso Roubado”.

A xornada inagural contou cunha visita guiada pola sala.

Ata o 13 de novembro poderá visitarse libremente luns, mércores, xoves e venres de 18 a 21 horas, sábados de 12 a 14 e de 18 a 21 horas, domingos e festivos de 12 a 14 horas. Martes, pechada.