Abre o prazo para participar no Premio Castelao de Textos Teatrais

Pontevedra
15 de xuño 2025

O galardón está dotado cun premio de 12.000 euros e a adquisición dos dereitos de explotación da primeira edición da obra de Castelao. O prazo de presentación pecha o 31 de outubro

Exposición "Castelao" con fondos da colección de Roberto Taboada
Exposición "Castelao" con fondos da colección de Roberto Taboada / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra anunciou a apertura de prazo para presentarse á primeira edición do Premio Castelao de Textos Teatrais, coincidindo coa conmemoración do 75 aniversario do falecemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Este novo galardón, que busca fomentar a creación dramática en lingua galega, está dotado con 12.000 euros e a adquisición dos dereitos de explotación da primeira edición da obra, cun máximo de 800 exemplares.

Ao certame poderán presentarse persoas maiores de idade con obras de teatro escritas en lingua galega, seguindo a normativa da Real Academia Galega.

As propostas deben ter unha extensión máxima de 200.000 caracteres (espazos incluídos) e non ser premiadas noutros concursos nin representadas previamente en escena.

Para garantir a imparcialidade, os traballos presentaranse de forma totalmente anónima, baixo o sistema de plica. O prazo de presentación pecharase o 31 de outubro de 2025.

A obra gañadora será seleccionada por un xurado composto polo presidente da Deputación, o secretario da Deputación e cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito teatral e literario galego.

O fallo farase público o 29 de xaneiro de 2026, coincidindo coa data do aniversario do nacemento de Castelao.

O I Premio Castelao de Textos Teatrais da Deputación de Pontevedra nace co obxectivo primordial de fomentar, apoiar e mellorar a calidade e a creatividade dos escritores e escritoras, promovendo o talento e o potencial literario da provincia.

Ademais, o premio busca incentivar e lembrar a figura do dramaturgo e o seu legado na creación dramática en lingua galega, incidindo de forma directa na participación e na promoción do uso do galego.