Abre o prazo de preinscrición para os obradoiros para cativada de Migallas Teatro

Pontevedra
20 de xaneiro 2025

Son os obradorios 'Artexoga con elas', no Pazo da Cultura e 'Xoga e crea con Migallas', no Centro Cultural de Monte Porreiro

María Campos, de Migallas Teatro, nunha sesión de Artexoga
María Campos, de Migallas Teatro, nunha sesión de Artexoga / Migallas Teatro

Un ano máis o Concello de Pontevedra organiza os obradoiros 'Artexoga con elas' e 'Xoga e crea con Migallas'.

Impartidos por Migallas Teatro, están dirixidos a cativada entre os 5 e os 11 anos e desenvolverán actividades de expresión dramática, plástica e musical, así como xogos tradicionais para crear un espazo de socialización en galego.

Ambos manterán aberto o prazo de preinscrición entre este martes 21 e o xoves 23 no correo [email protected] e, no caso do impartido en Monte Porreiro, tamén de xeito presencial no seu Centro Cultural en horario de 18 a 20 horas.

'Xoga e crea con Migallas' priorizará, no caso de que fora necesario, a cativada residente na parroquia ao tempo que 'Artexoga con elas' fará o mesmo coa rapazada do municipio de Pontevedra.

'Artexoga con elas', no Pazo da CulturaCada obradoiro constará de 10 sesións de hora e media adaptadas aos períodos lectivos escolares entre a derradeira semana de xaneiro e abril de 2025 a razón dunha sesión semanal e distribuídas en tres grupos: Taller 1: de 8 a 11 anos (Os luns de 18 a 19.30 horas. Con 25 participantes) o Taller 2: de 5 a 7 anos (Os mércores de 17.30 a 19 horas. Con 35 participantes) e o Taller 3: de 5 a 7 anos (Os xoves de 17.30 a 19 horas con 35 participantes).

A actividade terá un prezo total de 50 euros co material incluído. 

'Xoga e crea con Migallas', no Centro Cultural de Monte Porreiro. Trátase dun taller que constará de 10 sesións de hora e media adaptadas aos períodos lectivos escolares entre xaneiro e abril de 2025 a razón dunha sesión semanal os martes das 18 ás 19.30 horas. O prezo é de 40 euros por todo o obradoiro, co material incluído.

A formalización da inscrición e o pago da cota realizarase directamente con Migallas cando comece a actividade, na semana do 27 ao 31 de xaneiro.