Abren o prazo para participar na V edición do certame de regueifas en vídeo

Pontevedra
28 de marzo 2021

A partir deste luns 29 de marzo e ata o 28 de maio, estará aberto o prazo para participar na V edición do certame de regueifas en vídeo Enreguéifate. Nesta nova edición, organizarán 60 obradoiros en centros educativos, 22 no Concello de Pontevedra a cargo de Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e A Rabela

Josinho Da Teixeira
Josinho Da Teixeira

A partir deste luns 29 de marzo e ata o 28 de maio, estará aberto o prazo para participar na V edición do certame de regueifas en vídeo Enreguéifate.

O certame, busca fomentar que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Nel inclúen accións formativas para alumnado e profesorado de ensino non unversitario.

Nesta nova edición, organizarán 60 obradoiros en centros educativos, 22 no Concello de Pontevedra a cargo de Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e A Rabela.

As bases do certame poderán consultarse na páxina web www.enregueifate.gal, onde tamén se poderá facer a inscrición. Igual que en edicións anteriores, haberá as categorías xeral e escolar e seis premios en cada unha delas: regueifa máis brava, regueifa máis aguda, regueifa máis diversa, regueifa máis reivindicativa, regueifa mellor cantada e regueifa mellor falada.

O idioma empregado é obrigatorio que sexa o galego, a temática libre e  en cada vídeo deben aparecer, cando menos, dúas persoas. Unha mesma persoa pode participar en varios vídeos e a duración máxima das pezas será de 3 minutos. Non hai restricións no formato, sempre e cando as gravacións se aprecien de xeito claro. Está prohibido transmitir imaxes ou mensaxes violentas, ofensivas e/ou discriminatorias, polo que a organización descartará aqueles vídeos con contidos que non considere apropiados.

Este proxecto, impulsado polos concellos de Pontevedra, a través da Concellaría de Normalización Lingüística que xestiona Alberto Oubiña, e os de Ames, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, vén de recibir o Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) ao mellor proxecto estabilizado.