Ábrete de orellas, mellor espazo de comunicación musical nos Premios Galegos da Música

Pontevedra
10 de maio 2018

O Ábrete de orellas, programa que emite PontevedraViva Radio desde o pasado mes de abril, vén de proclamarse por segunda vez como mellor espazo de comunicación musical na gala de entrega dos Premios Galegos da Música, que se celebrou este mércores no Pazo da Cultura de Pontevedra

Foto de familia dos gañadores da V edición dos Premios Galegos da Música
Foto de familia dos gañadores da V edición dos Premios Galegos da Música / Premios Galegos da Música

O Ábrete de orellas, programa que emite PontevedraViva Radio desde o pasado mes de abril, vén de proclamarse por segunda vez como mellor espazo de comunicación musical na gala de entrega dos Premios Galegos da Música, que se celebrou este mércores no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Os premiados foron:

Pop e Indie: Eladio y los seres queridos

RockIgmig

Jazz e músicas improvisadas: Yago Vázquez Trío

Música clásica e contemporánea: Roberto Oliveira

Hip hop e músicas urbanas: Som do Galpóm

Música tradicional e folk: Xosé Lois Romeiro & Aliboria

Músicas do mundo: Brais Morán

Música infantil: A Gramola Gominola

Electrónica: Mounqup

Metal: Arrhythmia

Reggae, ska e mestizaxe: Chokotoeu

Orquestras, grupos e música de verbena: Grupo Limón

Blues, funk e soul: The Lákazans

Canción de autor: Uxía

Música vocal: Encaixe

Mellor festival: Resurrection Fest

Mellor sala: Sala Garufa Club

Mellor espazo de comunicación musical: Ábrete de orellas

A gala, que foi unha gran festa reivindicativa do sector musical galego, demostrou con máis forza ca nunca que é a gran cita anual da música galega. Foi o momento agardado para celebrar a cantidade, calidade e diversidade da produción musical do país, pero tamén para lembrar as reivindicacións do sector.

Así, na súa intervención, o voceiro da asociación Músicos Ao Vivo, Ramón Bermejo, asegurou con respecto á nova Lei de Espectáculos de Galicia que "non se pode vivir permanentemente ao pairo dunha lei redactada de forma ambigua e que deixa a música ao vivo, unha vez máis, nun terreo esvaradizo e inseguro".

Tamén amosou o seu rexeitamento á condena de compañeiros da música e as artes por expresar mediante a arte o que pensan e enviou todo o apoio de Músicos Ao Vivo a todas as persoas que sofren cadea por ter exercido un dereito tan fundamental e irrenunciable como é a liberdade de expresión.

A gala estivo conducida polo actor Carlos Blanco e o debuxante Luis Davila, na que puidemos ver ao personaxe de Dora en animación recibindo aos asistentes da gala coa dobraxe en directo de Carlos Blanco quen estivo espléndido nas súas intervencións cheas de irónico humor e reivindicacións para aos que traballan ao vivo.

Ademais, actuaron en directo The Cool Experience e Tanxugueiras. O remate da gala foi moi emotivo cando apareceu Tatán no escenario, músico e actor querido e respectado, cantando a dúo con Carlos Blanco mentres pechaba o pano.