A aclamada 'Sirat' de Óliver Laxe encabezará a carteleira da mostra 'Sanxenxo de cine'

Sanxenxo
26 de maio 2025
Actualizado: 17:04

Ademais de 'Sirat', premio especial do xurado no Festival de Cannes, exhibiranse as películas 'Matria' de Álvaro Gago, 'Malencolía' de Alfonso Zarauza e 'Polvo serán' de Carlos Marques

Presentación da primeira edición da mostra 'Sanxenxo de cine'
Presentación da primeira edición da mostra 'Sanxenxo de cine' / Concello de Sanxenxo

O novo fenómeno do cine español, a película Sirat do director galego Óliver Laxe, poderase ver en Sanxenxo. Será no marco dun novo evento que promete enriquecer a oferta cultural do municipio: a mostra internacional 'Sanxenxo de cine'.

O seu promotor, o produtor pontevedrés Dani Froiz, presentou este luns a programación da primeira edición dunha mostra que nace coa intención de achegar ao público algunhas dos máis recentes filmes do audiovisual galego e nacional.

As proxeccións, que se realizarán entre os días 26 e 29 de xuño, incluirán, ademais de Sirat, que acaba de recibir o premio especial do xurado no Festival de Cannes, as películas Matria de Álvaro Gago, Malencolía de Alfonso Zarauza e Polvo serán de Carlos Marques.

As entradas poranse á venda en Ataquilla.com a un prezo de 3,75 euros por cada unha das películas, que se mostrarán ao público no Auditorio Emilia Pardo Bazán.

"Sanxenxo de cine chega para completar a diversidade dunha axenda cultural na que se leva traballando anos e que me fai especial ilusión pola calidade da proposta", explicou a concelleira de Cultura, Elena Torres, convencida de que este certame "veu para quedar".

Froiz, pola súa banda, destacou a calidade do catro filmes e a inclusión de Sirat no cartel, un filme premiado polo xurado no festival "máis importante do mundo" e que, a pesar de que nin sequera chegou aínda aos cines, "vai estar aquí en Sanxenxo este mes de xuño".

Na presentación participou tamén Alfonso Zarauza, produtor da película Así chegou a noite, rodada en Sanxenxo, que celebrou que se impulsen propostas como esta na sala que permite "poder achegar mellor estas películas tanto a veciños como visitantes".

De feito, Zarauza avanzou que está previsto que Así chegou a noite se poida estrear o próximo ano na segunda edición de 'Sanxenxo de cine'.

"Sanxenxo é unha vila con moita personalidade, non é un lugar calquera dentro de Galicia, e creo que esta proposta é un luxo que se pode permitir", sentenciou o cineasta.