Adiántase ao 22 de maio o festival de banda deseñada BDra Gráfica 2025

Pontevedra
18 de marzo 2025
Actualizado: 12:43

Cambian as datas do festival para evitar que coincida co Campionato do Mundo de Triatlón Multideporte. A cita será entre o 22 e 25 de maio na Praza da Ferrería

Reunión de Kiko da Silva para a organización de BDRA Gráfica
Reunión de Kiko da Silva para a organización de BDRA Gráfica / Concello de Pontevedra

A terceira edición de BDra Gráfica, o festival da banda deseñada organizado conxuntamente por O Garaxe Hermético e o Concello de Pontevedra, celebrarase este ano entre os días 22 e 25 de maio.

A decisión de adiantar as datas, respecto a edicións anteriores, responde á necesidade de evitar a coincidencia co Campionato do Mundo de Triatlón Multideporte, que terá lugar nas rúas da cidade nas datas orixinais previstas para o mes junio.

O director do festival, Kiko da Silva, e o concelleiro de Dinamización Sociocultural, Demetrio Gómez, reuníronse onte con representantes das librarías locais para avanzar os primeiros detalles da organización.

Durante o encontro, explicouse que, tras valorar diferentes opcións para manter as datas iniciais, se optou por adiantar o evento para garantir que todas as actividades se desenvolvan nun mesmo espazo.

Así, a praza da Ferraría volverá ser o epicentro do festival, acollendo as tendas de librarías e editoriais, presentacións de libros, asinaturas de autores e autoras, e outras actividades.

BDra Gráfica consolídase na súa terceira edición como un referente da banda deseñada en Galicia, con proxección internacional e aproveitando o tecido cultural e creativo de Pontevedra.

Segundo a organización, a cidade conta con elementos clave como O Garaxe Hermético, escola profesional de banda deseñada, así como editoriais, librarías especializadas e autores e autoras de recoñecido prestixio.

Kiko da Silva, debuxante e fundador da escola O Garaxe Hermético, marca como obxectivo do festival achegar á cidadanía unha ampla variedade de obras da "novena arte", ao tempo que ofrece visibilidade aos elementos indispensables da industria cultural, como as librarías e editoriais.

BDra Gráfica é, ademais, un punto de encontro entre creadores, lectoras e profesionais deste sector.