Afundación trae a Pontevedra a ópera infantil "A frauta máxica"

Pontevedra
27 de outubro 2019

A obra representarase no auditorio de Afundación o sábado 2 de novembro ás 18 horas. Ten como obxectivo iniciar aos máis pequenos no mundo da ópera

Escena da ópera infantil "A Frauta Máxica"
Escena da ópera infantil "A Frauta Máxica" / Opera 2001

O auditorio de Afundación en Pontevedra acollerá o próximo 2 de novembro o espectáculo para público infantil A frauta máxica. Esta representación, que ten como obxectivo iniciar aos máis pequenos no mundo da ópera, é unha obra de carácter fantástico na que Mozart envorcou todos os seus ideais sobre a amizade, a sabedoría e a verdade.

No plano musical, esta peza non só representa unha nova concepción operística de Mozart, na que reúne a ópera seria, a ópera buffa, o singspiel, o coral luterano, a canción popular alemá e os temas abertamente folclóricos do mundo que lle rodeaba, senón na que, ademais, percíbense elementos precursores de tendencias que se acabarían consolidando ao cabo de case cen anos. 

A frauta máxica ambiéntase en tempos antigos. Tamino e Papageno, enganados por Oscurilla, dama de compañía da Raíña Luna, emprenden o rescate de Pamina, prisioneira do malvado Rei Sol. O inicial traslado físico convértese nunha viaxe interior. O Rei Sol revélase como un sabio espiritual e xusto; a Raíña Luna, como un ser irracional e perverso.

A obra representarase o sábado 2 de novembro ás 18.00 h e as entradas pódense adquirir na web Ataquilla.com.