Alba Moledo, Rexina Vega e Carmen Villar, tres mulleres a polo premio de xornalismo Fernández del Riego

Pontevedra
15 de xullo 2025
Actualizado: 16:15

Nesta edición do Fernández del Riego, que premia artigos de opinión en galego, ademais dos 10.000 euros para a gañadora entregaranse tamén 2.000 euros a cada unha das dúas finalistas

Alba Moledo, Rexina Vega e Carmen Villar
Alba Moledo, Rexina Vega e Carmen Villar / PontevedraViva

O Fernández del Riego de este ano é cousa de mulleres. Alba Moledo, Rexina Vega e Carmen Villar son as tres finalistas que optarán a este premio de xornalismo para artigos de opinión escritos en galego, convocado por Afundación, na súa edición número 22.

O xurado elixiu estes tres traballos xornalísticos entre as 22 candidaturas presentadas.

Alba Moledo é finalista por 'Agromar', publicado en Diario de Pontevedra; mentres que o traballo seleccionado de Rexina Vega é 'Aínda aprendo', editado na revista Tempos Novos; e o de Carmen Villar é 'A terra que nos ata ao mundo', publicado en Faro de Vigo.

Fina Casalderrey, vogal decana do xurado, felicitou a todas as persoas que enviaron o seu artigo, porque, ao seu entender, "é un acto de xenerosidade e de humildade".

Os temas foron variados, de índole intimista, feminista, de análise política, de identidade, de saúde física e mental e de reivindicación "e sempre cunha calidade tan elevada que nos levou a apaixonados debates na deliberación", engadiu.

Xurado do premio de xornalismo Fernández del Riego
Xurado do premio de xornalismo Fernández del RiegoAfundación

O xurado desta edición, ademais de Casalderrey, estivo integrado por Víctor Freixanes, Carlos Valle, Xosé Carlos Caneiro, Gloria Rodríguez e Diego Ameixeiras.

Á XXII edición do Premio Fernández del Riego podían presentarse artigos de xornalismo literario ou de opinión publicados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024 en calquera medio de comunicación, impreso ou dixital, de cabeceiras recoñecidas e escrito en lingua galega.

Nesta edición do Fernández del Riego, ademais dos 10.000 euros para a gañadora entregaranse tamén 2.000 euros a cada unha das dúas finalistas.

No histórico de persoas premiadas están Fina Casalderrey, Carlos G. Reigosa, Rosa Aneiros, Manuel Rivas, Manuel Bragado, Luís Pousa, Ramón Loureiro, Tamara Montero, Miguel Anxo Murado, Inma López Silva, Cristina Pato, Míriam Ferradáns, Francisco Castro ou Mar Mato.

O escritor Diego Ameixeiras foi o gañador da última edición.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora