O ciclo 'Conversas con arte' repetirá este ano cunha segunda edición que se inaugurará o próximo venres 25 de abril coa conferencia do artista pontevedrés Alberto Barreiro.
Alberto Barreiro toma a remuda de Gervasio Sánchez, José María Barreiro, Antón Pulido e César Antonio Molina, protagonistas dos encontros da primeira edición do ciclo en 2024.
O encontro inaugural terá lugar ás 19:30 horas no Salón de Plenos do Pazo Provincial, sede da Deputación.
Poderá seguirse por streaming a través do sitio web da Deputación e será gravada para poder emitirse posteriormente en formato vídeo e pódcast a través das plataformas YouTube e Spotify.
Alberto Barreiro, que será un dos participantes na Bienal de Arte de Pontevedra, presentará en 'Conversas con arte' a iniciativa 'Máquinas de Invocar', un proxecto artístico que transforma a Intelixencia Artificial nunha ferramenta poética capaz de cultivar significado e afondar na conexión humana, resignificando a tecnoloxía como creadora de beleza e sentido.
Barreiro leva máis de tres décadas explorando a creación e o cultivo de significado a través da arte, o deseño, o emprendemento, a educación e a consultoría estratéxica.
Formouse na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e traballou en organizacións como Yahoo!, a canle de televisión británica ITV ou o Grupo Prisa, e desenvolveu metodoloxías innovadoras de combinación de arte, deseño e tecnoloxía a través de proxectos propios como 'Webjam' ou 'Meaning'.
É director de Transformación Creativa en VML The Cocktail, codirector do programa 'Become' en Kaospilot (Dinamarca), profesor de Deseño Estratéxico no Instituto de Empresa e Elisava (Facultade de Deseño e Enxeñería de Barcelona) e colaboración en El País Retina.
Este ciclo é unha aposta persoal do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez. A través do Museo de Pontevedra, quere difundir as diferentes manifestacións artísticas que xurdiron e xorden tanto na provincia como no conxunto de Galicia.
Con 'Conversas con arte', a Deputacion pon en valores grandes personalidades vencelladas a diferentes movementos e que naceron ou teñen relación coa provincia.