Preto de 250 congresistas de todo o mundo daranse cita entre o 11 e o 15 de marzo en Pontevedra, para participar no Congreso Internacional da Camelia. Así o anunciaron este xoves o presidente da Deputación, Rafael Louzán, a deputada Begoña Estévez e a presidenta da Sociedade Española da Camelia, Carmen Salinero, na presentación da exposición de Álex Vázquez Viaje de la Camelia. De Oriente a las Rías Baixas, que servirá de pistoletazo de saída para a antedita cita internacional.
O programa do congreso complementarase con múltiples actividades entre as que figura unha mostra de Álex Vázquez pero tamén, entre outras, unha serie de concertos da pianista Mine Kawasami, no marco do ano dual Xapón-España, no que tamén se enmarca este congreso.
Polo que respecta á mostra de Álex Vázquez, estruturase en 10 grandes paneis que permitirán ao visitante "facer un percorrido sobre o mundo da camelia en Galicia". Estes paneis combinan as imaxes de Álex Vázquez con textos divulgativos de Carmen Salinero sobre A camelia nas Rías Baixas, Formas de flores, os sete tipos de camelia máis frecuentes, para rematar cun panel sobre o aceite de camelia.
Así mesmo, a pianista xaponesa Mine Kawasami ofrecerá tres concertos de balde en Pontevedra, Vilagarcía e Vigo, nos que presentará a Sonata samurai, composta pola propia pianista con motivo do ano dual España-Xapón.
As actuacións terán lugar o 14 de marzo no Centro Social de NovaCaixaGalicia en Pontevedra; o 15 marzo no Salón García de Vilagarcía e o 16 no Teatro García Barbón de Vigo.
Os interesados en asistir a estes concertos poderán recoller invitacións na Deputación de Pontevedra tanto na capital da provincia como na súa sede de Vigo, e Concello Vilagarcía.