Amante da música celta busca voluntarios para emular os míticos Gwendal

Pontevedra
19 de marzo 2023

Máis de trinta anos leva o pontevedrés Xerardo Torrado tocando a gaita e a frauta. Unha afección no tímpano e a pandemia obrigárono a parar. Superado o contratempo na saúde, este músico afeccionado fai un chamamento para conseguir formar unha pequena agrupación inspirada nos sons dos primeiros discos do grupo de música celta Gwendal

Xerardo Torrado busca formar unha agrupación de música celta
Xerardo Torrado busca formar unha agrupación de música celta / Mónica Patxot

Máis de trinta anos leva o pontevedrés Xerardo Torrado Agulla tocando a gaita e a frauta.

A súa afección pola música tradicional levoulle a colaborar durante tres décadas coa agrupación de Mourente Os Alegres. Pero chegou a pandemia, que sumada a unha afección no tímpano, obrigaron a Xerardo a abandonar o grupo.

Superado o contratempo na saúde, este músico afeccionado decidiuse a facer un chamamento a través das redes sociais na "busca de xente para un grupo folk, sen pretensións, tocar muiñeiras, valses, música galega, irlandesa e escocesa", segundo explica na publicación subida ao grupo de Facebook "Tú no eres de Pontevedra si...".

En conversa con PontevedraViva, Xerardo conta que toca a frauta, o tin whistle, "unha pequena frauta de lata como a que tocaban The Chieftains" e a gaita. "A gaita téñoa agora aparcada porque teño rotos os tímpanos, pero a ver se máis tarde a podo tocar, en tal caso tocaría as frautas, iso si".

Para acompañalo, bastaríalle cun guitarrista, un violinista e un percusionista, "que poden ser tanto chicos como chicas, evidentemente". No caso do percusionista, afina algo máis: "a poder ser de bodhrán, que é o pandeiro redondo irlandés, pero bueno, se ten unha cousa máis moderna con batería non hai problema, que tamén a tiña Gwendal, e despois, a maiores, un baixo ou alguén que toque a frauta traveseira ou un acordeón".

Recalca que o obxectivo é ensaiar "sen grandes pretensións". Para Xerardo sería cumprir "un vello soño", afirma, "e se despois a cousa sae adiante e podemos tocar nun local de aquí, estaría ben, formarnos como un grupo da comarca".

Aínda que a música é a súa paixón, xa hai tempo que desbotou adicarse a ela profesionalmente. Así mesmo, lamenta que tampouco a súa formación como historiador, na actualidade cursando o doutoramento na Universidade de Santiago, lle permita sosterse economicamente. "É moi difícil vivir da Historia Antiga". Pero non desespera. Segue coas súas investigacións e buscando unha oportunidade laboral, polo que vén de rematar o curso e as prácticas da certificación en Loxística de Almacén. Tesón e profesionalidade non lle faltan.

EMULANDO A GWENDAL

Xerardo Torrado toma o modelo do grupo instrumental de música bretoa e celta Gwendal para animar a toda aquela persoa que queira participar no seu proxecto. "Se vos gusta a música dos primeiros discos de Gwendal máis ou menos iso é o que busco".

En concreto, céntrase nos seus dous primeiros discos: Irish Jig (1974) e Joe Can't Reel (1976), por ser sons cunha instrumentación máis pura e fiel á música celta tradicional.

Nas primeiras 24 horas desde a publicación xa obtivo as primeiras respostas, sobre todo aplaudindo a iniciativa, pero de momento aínda ninguén se sumou activamente ao proxecto.

Para as persoas interesadas, facilita o seu correo electrónico: [email protected]. E insiste: "O dito, sen pretensións. Grazas".