Dúas mulleres con propostas eclécticas e poderosas. Así son as primeiras confirmacións para o festival SonRías Baixas 2017, que se celebrará en Bueu os días 3, 4 e 5 de agosto. Trátase de Amparanoia e Sés, que serán dous das grandes apostas musicais deste ano.
A compositora granadina Amparo Sánchez recalará nesta décimo quinta edición do festival co proxecto musical que a lanzou á fama, Amparanoia. Chega, segundo os organizadores, coa maleta chea de cancións fronteirizas e coloridas que forman parte da banda sonora vital de toda unha xeración.
Con motivo do vixésimo aniversario do seu primeiro álbum, El poder de Machín, Amparo Sánchez recupera as cancións máis coñecidas de Amparanoia como "Que te den" ou "La fiesta", cheas de ritmos latinos, mexicanos, árabes, flamencos ou rumbeiros. Promete un directo enérxico e rescatar a alegría que transmiten as súas letras e a valentía de mesturar diferentes sons.
Compartirá escenario coa galega María Xosé Silvar, coñecida artisticamente como Sés. Ela é todo un auténtico fenómeno social en Galicia, que conquista ao público coa súa actitude rebelde e coa súa persoal mestura de música de raíz, rock, blues e canción de autor latinoamericana.
Sés chegará ao SonRías Baixas con novo disco debaixo do brazo. Opoñerse á extinción é o seu cuarto traballo, un álbum no que ademais de manter a súa potente voz, as súas cancións denuncia e o seu estilo inconfundible a artista coruñesa dá renda solta á cantareira que hai no seu interior e introduce novas sonoridades.
A organización do festival SonRías Baixas promete dar a coñecer moi pronto novos nomes de bandas e artistas que actuarán en Bueu en agosto e lembra que as entradas, a un prezo especial de 22,50 euros máis gastos, xa están á venda a través da web sonriasbaixas.info.