Ángel Calvo Ulloa e Juan Canela asumen o comisariado da 33ª Bienal de Pontevedra

Pontevedra
14 de marzo 2026

O proxecto elixido polo xurado vinculará o relato histórico coa arte contemporánea e estenderá a súa programación ata Vigo no verán de 2027

Ángel Calvo Ulloa e Juan Canela
Ángel Calvo Ulloa e Juan Canela /

A Deputación resolveu o concurso público para a dirección artística da vindeira Bienal de Pontevedra.

O xurado seleccionou a proposta presentada por Ángel Calvo Ulloa e Juan Canela para dirixir a trixésimo terceira edición desta cita cultural, que se desenvolverá entre os meses de maio e agosto do ano 2027.

A candidatura resultou elixida entre un total de catro alternativas por un tribunal presidido pola directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve.

O grupo de avaliación contou coa participación de Nuria Enguita, directora do Museo de Arte Contemporánea de Lisboa, e Susana González, directora de arte da Fundación María José Jove, como perfís profesionais externos, xunto ao secretario da administración provincial, Carlos Cuadrado.

A proposta seleccionada formula un discurso relacionado co territorio, á paisaxe e ás tradicións culturais, co obxectivo de integrar a produción de artistas locais e figuras emerxentes.

O proxecto busca trasladar elementos simbólicos e históricos a unha linguaxe actual para facelos accesibles ao público.

O certame establece uns honorarios de 70.000 euros para o equipo comisarial. Desta cifra, 10.000 euros entréganse en concepto de premio e anticipo tras o peche deste proceso de avaliación.

A partir de agora, ábrese a fase administrativa para a formalización do contrato que permitirá definir os contidos definitivos da mostra.

SEDES EN PONTEVEDRA E VIGO

A edición de 2027 manterá a súa actividade no conxunto do Museo de Pontevedra, utilizando como sedes os edificios Castelao e Sarmiento, a igrexa de Santa Clara e as Ruínas de San Domingos.

Como novidade nesta convocatoria, a Bienal incorporará un espazo expositivo en Vigo, concretamente na Sala de Exposicións da Sede Afundación.

Os novos responsables contan con experiencia na xestión de proxectos artísticos a nivel internacional:

Ángel Calvo Ulloa (Lalín, 1984) é licenciado en Historia da Arte e comisario con experiencia en institucións como o Museo Reina Sofía, La Casa Encendida ou o CA2M de Móstoles. Foi co-comisario da Bienal de Coimbra en 2024.

Pola súa banda, Juan Canela (Sevilla, 1980) é curador xefe de arte do Museo de Arte Contemporánea de Panamá e membro do comité asesor do Instituto Cader do Reina Sofía. Traballou en programas artísticos en Bogotá, México e Guatemala.

Ambos os dous colaboraron anteriormente na publicación do libro Desde lo curatorial. Conversaciones, experiencias y afectos, editado no ano 2020.