Este domingo 14 de xullo, ás 21.30 horas no Parque Eguren de Marín vai levarse a cabo o espectáculo Amantes da Terra, unha produción da compañía Queiman e Pousa, na que se combina a música coa poesía, danzas e mostras de traxes tradicionais en homenaxe ao autor Antonio Fraguas, a quen este ano se dedicaba o Día das Letras Galegas.
Baseándose na súa frase "ser galeguista non é máis ca ser amante da nosa terra" desenvólvese unha montaxe na que participan máis dun cento de artistas. Desta forma, van darse cita a Banda de Unión de Lantaño, as Corais de Vales Mahía e Salvador de Camanzo; o Grupo de Gaitas e Baile Foula; o actor Bruxo Queiman, a cantante Andrea Pousa e a agrupación local Os Chaneiros de Marín, invitados especiais a este evento.
Este venres presentábase no Concello de Marín e os participantes explicaban que o espectáculo conta cunha demostración dos traxes tradicionais e traxes de gala, inspirados no libro de Antón Fraguas sobre esta temática.