Anxos Fazáns e Ángel Santos, 'padriños' da décima edición do festival Novos Cinemas

Pontevedra
04 de novembro 2025
Actualizado: 13:39

'As liñas descontinuas' de Anxos Fazáns será a sesión inaugural de Novos Cinemas, o martes 9 de decembro. A de Ángel Santos, 'Así chegou a noite', proxectarase na clausura, o sábado 13

Anxos Fazáns e Ángel Santos
Anxos Fazáns e Ángel Santos / Sabela Eiriz - Mario Llorca

Dous directores moi vinculados con Novos Cinemas serán os encargados de abrir e pechar a décima edición do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra: o marinense Ángel Santos e a pontevedresa Anxos Fazáns. Ambos presentarán as súas novas películas.

As liñas descontinuas, que Fazáns gravou en Marín e Vigo o pasado outono, será o film que protagonizará a sesión inaugural de Novos Cinemas, o martes 9 de decembro.

Neste film, a actriz Mar Sánchez dá vida a Bea, unha muller de 50 anos que se está separando do seu marido. O día no que ten que abandonar o fogar no que viviu os últimos vinte anos chega á súa casa e atópase todo patas para arriba e a un dos ladróns durmido na súa cama.

Ese mozo é Denís, ao que interpreta o debutante Adam Prieto, un mozo de 28 anos que, a pesar de estudar unha carreira, loita coa precariedade laboral e a falta de oportunidades.

Despois de pasar tres días xuntos, cada un deberá continuar o seu camiño.

Escena de 'As liñas descontinuas' de Anxos Fazáns
Escena de 'As liñas descontinuas' de Anxos FazánsSideral Cinema

Ángel Santos, un dos fundadores do festival xunto a Daniel Froiz e Suso Novás, que hoxe asumen a dirección executiva e artística do certame, exhibirá a película Así chegou a noite na xornada de clausura do festival, prevista para o sábado 13 de decembro.

En Así chegou a noite, Denís Gómez (Néboa, La ley del mar) é Pablo, o escultor que protagoniza esta historia, que tras romper vínculo co seu pasado establece o seu taller nunha apartada zona rural da costa galega.

Alí coñece ao vixiante dun cámping (Miquel Insua, Operación Marea Negra), que lle servirá de guía nesta nova etapa vital, na que cortou contactos con amigos e familiares,

Pero Andrea (Violeta Gil), unha antiga noiva, acode ao seu encontro para saber que foi del e este reencontro faralle reformularse o seu desexo de illamento e a súa necesidade de huída.

Escena de 'Así chegou a noite' de Ángel Santos
Escena de 'Así chegou a noite' de Ángel SantosAmateurfilms

HOMENAXE Á PRODUTORA UN PUMA

O Foco desta edición, a sesión retrospectiva do festival, ofrecerá nesta ocasión unha ollada á independencia arxentina coa primeira homenaxe a unha produtora, Un Puma, unha referencia do cinema independente arxentino contemporáneo.

Fundada por Victoria Marotta e Jerónimo Quevedo, Un Puma produciu algunhas das obras máis premiadas e estimulantes do novo cinema latinoamericano, como El auge del humano, El repartidor está en camino ou Un movimiento extraño.

CARTEL INSPIRADO NO PIRAGÜISMO E O MAR

Para celebrar os seus dez anos acompañando novas xeracións de cineastas, creando vínculos entre formación e exhibición e situando a Pontevedra no mapa dos territorios de creación cinematográfica, Novos Cinemas preparou un cartel moi especial.

Así, a imaxe inspírase no piragüismo e no mar, dous elementos que dialogan entre si como metáforas do espírito de Novos Cinemas: o movemento, a exploración e o avance constante.

Unha declaración visual coa que o festival quere sintetizar a súa esencia, a de medrar sen perder o ritmo, adaptarse ás correntes cambiantes do cinema contemporáneo e seguir avanzando coa mesma intensidade e convicción coa que naceu en 2015.

O festival desenvolverase do 9 ao 14 de decembro con seccións competitivas, encontros, actividades abertas ao público e unha xornada final con proxeccións fóra de concurso.