Apoio a Palestina no inicio do Festaclown máis reivindicativo

O Salnés
19 de agosto 2025

O festival da risa desenvolve ata o sábado 22 espectáculos gratuítos coa bandeira de Palestina presidindo esta undécima edición solidaria. Este luns iniciábase co Minotauro de Nacho Flores e o Circo contra a barbarie

Espectáculo do Festaclown 2025
Espectáculo do Festaclown 2025 / Concello de Vilagarcía de Arousa

O segundo día do Festaclown xa está en marcha nas rúas de Vilagarcía de Arousa, despois dun arranque exitoso que onte luns encheu a cidade de circo, humor e a ledicia habitual neste encontro de pallasos.

O festival, que se desenvolve ata o vindeiro sábado 23 de agosto, continúa hoxe coa súa programación de espectáculos gratuítos que combina entretemento e conciencia social.

A xornada inaugural do lunes deixou grandes momentos cos equilibrios do Minotauro de Nacho Flores polas rúas da cidade e a Praza de Galicia, seguido da emotiva gala "Circo contra a barbarie" de Pallasos en Rebeldía na Praza da II República coa participación da cantante Mercedes Peón.

Minotauro de Nacho Flores
Minotauro de Nacho FloresConcello de Vilagarcía de Arousa
Mercedes Peón no Festaclown 2025
Mercedes Peón no Festaclown 2025Concello de Vilagarcía de Arousa

Este martes, o programa arrancou ás 11:00 horas coa compañía Igualarte + Con Eles e o seu espectáculo "Animart" polas rúas da cidade. Ás 12:30 horas será o turno de Rendos Pequeno co "Charlatán Rodríguez" na Praza de Ravella, dentro da programación Superroquiños dirixida ao público familiar.

A tarde reserva dous momentos destacados: ás 19:30 horas, Henriko presentará "Circo Cambuche" na Praza de Galicia dentro do Certame Festaclown, e ás 21:00 horas, Marta Alonso Tejada ofrecerá "Dance Join" na Praza da II República como parte da Mostra Festaclown.

Esta undécima edición do festival destaca pola súa vertente solidaria e reivindicativa, coa bandeira de Palestina presidindo a carpa do circo como símbolo do compromiso social do evento.

O alcalde Alberto Varela destacara na presentación que se trata dunha das iniciativas das que o Concello se sente "especialmente orgulloso" e que xa se converteu nun evento "indispensable nas festas de San Roque".

 O festival inclúe novidades como espectáculos que combinan acrobacias en camas elásticas, danza e clown, disciplinas que aínda non se tiñan visto en Vilagarcía.

Festaclown 2025
Festaclown 2025Concello de Vilagarcía de Arousa

Dos 22 espectáculos programados, 11 son de compañías galegas, mentres que o cartel tamén conta coa presenza de grupos nacionais e internacionais procedentes de Colombia, México e Arxentina.

Todas propostas son gratuítas e están pensadas para "nenos de ata 100 anos", segundo sinala a concelleira de Cultura, Sonia Outón.

O Festaclown desenvólvese nas tres pistas ao aire libre habituais: os Xardíns de Ravella, a Praza de Galicia e a Praza da II República, con tres espectáculos diarios en sesións de mañá, tarde e noite.

Toda a programación está dispoñible nesta ligazón á páxina web do Festaclown.