Aprazan pola covid 'Comando Comadres', a obra que abriría o ciclo Ponteatro

Pontevedra
22 de xaneiro 2021

O Concello de Pontevedra comunica a suspensión da representación no Teatro Principal da obra 'Comando Comadres'. O espectáculo, programado polo Concello a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios dentro do ciclo Ponteatro e que estaba previsto para o 25 de febreiro, trasládase ao 25 de novembro de 2021

Cartel da obra 'Comando comadres', de Matrioshka Teatro
Cartel da obra 'Comando comadres', de Matrioshka Teatro / Matrioshka Teatro

O Concello de Pontevedra comunicou o aprazamento da representación no Teatro Principal da obra 'Comando Comadres'. O espectáculo, programado a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios dentro do ciclo Ponteatro e que estaba previsto para o 25 de febreiro, trasládase ao 25 de novembro.

As entradas xa adquiridas serán válidas para a nova data, aínda que os compradores que o desexen poden solicitar a devolución contactando con [email protected].

A compañía Matrioshka Teatro emitía un comunicado para informar das razóns deste aprazamento, que explicaba nos seguintes termos: "Á situación alarmante que acadou a incidencia da epidemia da covid-19 en Galicia nestas semanas engadíronse os riscos concretos para a saúde de parte do equipo do espectáculo (certificados medicamente). Isto fixo que Matrioshka se vise na obriga este pasado martes 19 de xaneiro de acordar a suspensión temporal dos traballos de montaxe do espectáculo 'Comando Comadres' así como as funcións que a peza tiña pechadas na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC".

A compañía santiaguesa expresa no seu comunicado o seu orgullo polo "comportamento responsable do sector cultural galego ante a emerxencia sanitaria" á vez que manifesta o seu pesar por ter que adiar os seus espectáculos porque "nin está en disposición de substituír unha parte fundamental do equipo nun espectáculo de creación propia, nin ten intención de poñer en perigo a saúde de ningunha das participantes nel".

Finalmente "agradece a comprensión dos concellos aos que afecta esta suspensión temporal e agarda con impaciencia o momento de compartir co público o seu 'Comando Comadres'".