Aprender a facer retratos na era do ‘selfie’

Pontevedra
21 de decembro 2015

Este luns comeza a primeira quenda do obradoiro infantil 'Retratos de Nadal' que, aproveitando a actual exposición do fotógrafo Virxilio Viéitez, permitirá que as crianzas traballen ao redor do retrato fotográfico

Familia de José Luis Caramés Cerdedo, 1969
Familia de José Luis Caramés Cerdedo, 1969

Este luns comeza a primeira quenda do obradoiro infantil 'Retratos de Nadal' que, aproveitando a actual exposición do fotógrafo Virxilio Viéitez, permitirá que as crianzas traballen ao redor do retrato fotográfico.

Neste obradoiro, os nenos visitarán a exposición da man do Gabinete Didáctico do Museo para coñecer especialmente as imaxes dos pequenos da Galicia das décadas de 1960 e 1970, así como as das súas familias e contorna histórica. A partires da visita da exposición, realizarán un adorno de Nadal a partires do seu propio retrato fotográfico.

O obradoiro comeza este luns día 21, e continuará o 22 e o 23 para nenos de 5 a 8 anos. A vindeira semana celebrarase os días 28, 29 e 30 de decembro para nenos de 9 a 12 anos. Todas as quendas teñen unha duración de dúas horas e un total de 15 rapaces participantes. Todas as prazas de todas as sesións están completas.

A SEREÍÑA

O martes 29 ás 18:00 horas o Sexto Edificio acollerá o conto musical a piano 'A Sereíña'. Un espectáculo que integra literatura, música e pintura, e que está centrado no conto infantil do mesmo título que foi escrito polo autor dinamarqués Hans Christian Andersen. Será un concerto a catro mans que correrá a cargo das pianistas Patricia Rejas e Blanca Palomar e que interpretarán doce pezas do compositor alemán Robert Schumam.

Esta interpretación musical estará acompañada por imaxes do conto en acuarela, autoría da pintora Marta Román, e pola voz de Ailén Kendelman Mouzo. A entrada a este espectáculo é gratuíta ata completar aforo.