Aquí non hai erro: o 'La La Land' galego estréase online na noite dos Oscar

Pontevedra
27 de febreiro 2017

'Superpunky', o musical do director pontevedrés Pablo Cacheda, estreábase en Internet durante a noite de celebración da entrega dos Oscar de Hollywood na que se producía un erro histórico ao ler a película gañadora, que finalmente recaeu en 'Moonlight' e non 'La La Land' como os presentadores anunciaron inicialmente

'Superpunky'
'Superpunky' /

A curtametraxe musical do director pontevedrés Pablo Cacheda, que leva por título 'Superpunky' estreouse na internet durante a noite deste domingo na canle de Youtube, coincidindo coa gala cinematográfica por excelencia, os Oscar de Hollywood. 

Os creadores deste curto rodado en Pontevedra decidiron que a estrea coincidise coa entrega dos premios da industria cinematográfica aproveitando a comparación que se fai de 'Superpunky', á que se define como o 'La La Land' galego.

Precisamente o musical protagonizado por Emma Stone lograba seis figuras na entrega pero quedaba sen o Oscar á mellor película tras un erro histórico por parte dos presentadores Warren Beatty e Faye Dunaway que inicialmente lles outorgaban ese Oscar e despois tiñan que rectificar porque a película gañadora era 'Moonlight'.

Pablo Cacheda co seu novo traballo afirma que decidiron subilo rapidamente e de maneira gratuíta a Internet porque a rede deulles todo co seu proxecto 'Clases do Social' e queren seguir con esta mesma filosofía. Asegura que 'Superpunky' non é un curto de festivais.

No elenco artístico atópanse artistas como Fernando González, Sabela Arán, Antea Rodríguez e Cova Berdiñas e o apartado musical corresponde aos grupos galegos Monoulious Dop e Priscila

O curto conta a historia de dúas amigas que se distancian por culpa dos seus diferentes gustos musicais. 

Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=eYO5wXVKeCQ