Arantza Portabales presentou en Pontevedra a súa nova novela, Asasinato no muíño do cura, un libro que ela mesma define sen reviravoltas como a súa "mellor novela".
A escritora regresa cunha historia máis madura, complexa e escura, na que o recordo, a violencia emocional e a presión social da vila de Loeiro marcan o pulso da trama.
Tras Asasinato na casa rosa, Portabales volve cun novo caso protagonizado pola agora detective Iria Santaclara e o comisario xubilado César Araujo, quen tentarán axudar a Alba Mariño a desentrañar o misterio dun pasado que lle roubaron e a vella historia da morte da súa sobriña Berta, un crime que nunca se resolveu.
Na novela enfrontaranse ás irmás Freijomil, "tres irmás malas malísimas, netas de cura, que son fascinantes", e a un pacto de silencio entre os veciños que rompe até chegar a un final trepidante.
- Como naceu a idea de Asasinato no muíño do cura?
Tiña moitísimas ganas de facer algo sobre a lembranza, sobre un personaxe que non lembrase o seu pasado, porque é un recurso súper dinámico para o lector. Despois xurdiume a historia das netas do cura, porque o meu pai era neto de cura, e naceu a historia familiar, aínda que a trama é totalmente inventada.

- O título xa suxire unha atmosfera moi particular. Que papel xoga ese muíño como escenario da novela?
Isto xa se ve no primeiro capítulo. Até aí podo ler.
- Que fai que este libro sexa diferente ás túas anteriores obras de xénero negro?
Para empezar, é a miña novela máis madura, a miña mellor novela. Dígoo con total sinceridade, non por cuestión de marketing. Sentínme máis segura, máis madura. Ten unha trama moito máis complexa, unha crítica social brutal...
- Volven Iria Santaclara e César Araujo como protagonistas. Como evolucionaron desde a anterior novela?
A vida segue, eles cambian. Están en momentos vitais distintos e crecen moito, porque o lector xa os coñece e quere saber que pasa coas súas vidas. As vidas van cambiando e eles tamén. Estou moi orgullosa deles.
- Hai algún personaxe que che resultou máis complexo ou máis fascinante á hora de escribilo?
Teño tres irmás malas malísimas, netas de cura, que son fascinantes.

- A ambientación adoita ser clave nas túas novelas. Que importancia ten o escenario nesta novela?
Volvemos a Loeiro, que todo o mundo sabe que é a praia de Loira de Marín. Realmente aquí os pobos son asfixiantes e aí o pobo é minúsculo. Hai moita presión social sobre as mulleres da vila, sobre a súa sona, a súa honra. Explicamos como era vivir e ser muller soa nunha vila pequena de Galicia fai 50 anos, pero tamén como é ser muller a día de hoxe. Ese contraste está aí.
- Como inflúe ese clima nos personaxes?
A novela ao final é moi claustrofóbica e opresiva, cruel... Dá case medo. É a miña novela máis cruel.
- Es máis de planificar a trama ao detalle ou á hora de escribir déixaste levar?
Realmente, toda a trama está planificada, pero todos os detalles son improvisados.

- Houbo algún xiro ou a algunha trama que a ti mesma sorprendécheste ao escribila?
O último capítulo. Non estaba moi planificado desde o principio, pero houbo un momento cara á metade en que o tiña claro e é un xiro bastante brutal.
- Consegues que o lector sospeite de todos e iso non adoita ser fácil. Como o consegues?
Realmente, é un pouco ir xogando co lector, ir dándolle e quitándolle, como cando se pesca. E, sobre todo, sen perder de vista que isto é un instrumento de lecer e hai que pasalo ben, iso nunca o perdo de vista.
- Que che interesa tanto de explorar o comportamento humano?
É o máis interesante do mundo: o que pasa arredor do crime ou de calquera cousa que rompa coa vida normal. Se mañá toca o Euromillón na túa casa, no terceiro día estades todos discutindo. Nisto o mesmo: se mañá morre alguén na túa casa, ao día seguinte estades todos mirándovos uns a outros con desconfianza. É o máis divertido, xogar coa psicoloxía dos personaxes.
- Tes algún tipo de lector en mente cando escribes ou non deixas que iso inflúa?
Non, nunca. Escribo para contar unha historia sen pensar quen está alén, porque senón ao final, como non vas poder contentar a todo o mundo, vai saír algo carente de personalidade. Nunca xamais penso con criterios comerciais.
- Que che gustaría que sentise o lector ao ler esta novela?
O de sempre. Un 'que ben o pasei' xa me basta.