Arra propón unha fin de semana de pintura e gastronomía

Sanxenxo
01 de agosto 2023

O Certame de Pintura Rápida repartirá o domingo máis de 3.500 euros en premios e unha carpa acollerá a degustación de produtos galegos

Presentación da XXII Feira Gastronómica de Produtos Galegos e o VIII Certame de Pintura Rápida
Presentación da XXII Feira Gastronómica de Produtos Galegos e o VIII Certame de Pintura Rápida / Concello de Sanxenxo

A parroquia sanxenxina de Arra converterase esta fin de semana nunha cita imprescindible da degustación de produtos típicos da gastronomía galega e da pintura ao aire libre coa XXII Feira Gastronómica de Produtos Galegos e o VIII Certame de Pintura Rápida. 

A concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, e o presidente da Asociación Cultural San Cayetano de Arra, Bruno Vidal, presentaron ambas as citas este martes una das salas do Priorado de Arra.

A convocatoria artística contará ademais cun incremento dos premios en metálico cos que se superarán os 3.500 euros e xa se roza a trintena de rexistrados.

Baixo a carpa que se sitúa nunha das chairas exteriores da praia de Montalvo poderase degustar polbo, churrasco, empanada… a prezos populares. Tamén se poderán adquirir artigos de artesanía e gozar de boa música e baile tradicional. 

O venres 4 de agosto, ás 12:30 horas os postos de degustación e artesanía abrirán as súas portas. Ás 23 horas os asistentes poderán gozar coa actuación do grupo  La Reina del Vudú e discoteca móbil Studio 21. 

O sábado 5, ademais da degustación, dará inicio a Exposición de Artesanía Galega. Ás 22 horas comezará o VIII Serán dos Loureiros coa actuación do grupo folclórico Soalleira. Ás 23 horas, actuación do cantautor Rafa Aguín e, a partir de media noite, haberá degustación gratuíta de queimada.

O domingo 6, volverá abrir a carpa de degustación e artesanía en horario habitual. A xornada estará marcada polo Certame de Pintura Rápida.