A arte multidisciplinar de Sara Ramos chega ao Casal de Ferreirós

Poio
06 de xuño 2026

A mostra poderá visitarse durante todo o mes de xuño, de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas. Os sábados abrirá de 10:30 a 13:00 horas

Inauguración da exposición de Sara Ramos
Inauguración da exposición de Sara Ramos / Concello de Poio

A ilustradora Sara Ramos inaugurou no Casal de Ferreirós a exposición 'Mitoxénese', unha mostra que reúne obras inspiradas na mitoloxía, a literatura e o realismo máxico.

O acto contou coa presenza do alcalde, Ángel Moldes, quen destacou "a satisfacción de contar en Poio con artistas do talento de Sara Ramos e poder ofrecer espazos para que compartan a súa obra cos veciños".

Ramos, veciña de Poio, ten 22 anos e é graduada en Belas Artes.

O seu traballo céntrase nas artes gráficas, especialmente na ilustración e o concept art.

Nas súas creacións combina obra gráfica con enxeñaría de papel, collage, escultura e medios dixitais, que dan forma a un universo propio en constante evolución.

A través de 'Mitoxénese', a artista presenta unha colección de pezas que percorren a súa traxectoria desde 2023 até a actualidade, nas que conviven a fantasía, o realismo máxico e a narración visual ao redor de temáticas como a mitoloxía e a literatura.

Ademais, a mostra reflicte a súa aposta pola creación dun imaxinario propio, con personaxes, mundos e relatos que converten cada obra nun espazo de encontro entre arte e narración.

A exposición forma parte da programación cultural impulsada polo goberno local con motivo do San Xoán, para así pór en valor o talento local e achegar á veciñanza diversas propostas culturais durante estas semanas.

A mostra poderá visitarse durante todo o mes de xuño, de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas, mentres que os sábados abrirá de 10:30 a 13:00 horas.