'Artistas na rúa' ou como achegar a arte aos cidadáns, esta fin de semana na Ferrería

Pontevedra
06 de abril 2015

A praza da Ferrería converterase esta fin de semana nun espazo de intervención artística. Nela desenvolverase unha iniciativa denominada Artistas na rúa, na que seis mozos creadores de diferentes disciplinas mostrarán o seu proceso de traballo "rompendo cos mitos establecidos e acurtando distancias entre artistas e cidadáns"

Participantes na iniciativa cultural "Artistas na rúa"
Participantes na iniciativa cultural "Artistas na rúa" / PontevedraViva

A praza da Ferrería converterase esta fin de semana nun espazo de intervención artística. Nela desenvolverase unha iniciativa denominada Artistas na rúa, na que seis mozos creadores de diferentes disciplinas mostrarán o seu proceso de traballo "rompendo cos mitos establecidos e acurtando distancias entre artistas e cidadáns", xa que entre outras cuestións tamén interactuarán co público.

Artistas na rúa celebrarase os días 11 e 12 de abril, entre as 16.00 e as 19.00 horas.

As seis propostas elixidas pola organización son as seguintes:

SÁBADO 11

  • Elena Bello e Belén Andrés, estudantes de Belas Artes, apostarán por crear un tear a grande escala. Cada espectador collerá un nobelo de la e comezará a crear direccións xogando coas árbores da praza, entrecruzando as diferentes cores e dando como resultado unha composición abstracta tridimensional.
  • O'Ras será o encargado de trasladar a arte do graffitti a esta emblemática praza. Tratará de introducir os espectadores no proceso creativo dos murais. Ao non haber espazo para poder facelo, instalaranse lenzos nos que irán traballando aqueles que se animen e que serán finalizados por este artista coruñés.
  • Azalea Santiago é unha fotógrafa que interactuarán co público usando o obturador da súa cámara para dar movemento ás súas fotos. O resultado deste traballo imprimirase e colgarase nun tendal na praza. Os protagonistas desas fotos poderá levalas á casa como recordo desta xornada de traballo.

 

DOMINGO 12

  • Alba Fernández Troiteiro propoñerá unha intervención artística sobre unha tea horizontal mediante técnicas mixtas: serigrafía, pintura e a colaboración do público con comida para paxaros.
  • Alba Branco e María Roja serán as protagonistas dunha serie de perfomances baseadas na improvisación. Alterarán o espazo urbano e o tránsito dos espectadores para convertelo nun ámbito de creación colectiva.
  • Adrián Penido, por último, é un artista especializado en traballar con materiais de reciclaxe que creará unha especie de refuxio con elementos desbotables. O público poderá participar colaborando na busca dos devanditos materiais. Ademais, será un labor pedagóxico que busca concienciar acerca da cantidade de lixo que xeramos diariamente.

 

O obxectivo de todos estes artistas, que foron seleccionados tras unha convocatoria pública, é achegar a arte á cidadanía e que todos aqueles que se animen a participar "vexan como traballa un artista", segundo o concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez.