Máis de medio milleiro de intérpretes de bandas de música de toda Galicia danse cita esta fin de semana no Gaiás para participar no Serán’02: II Encontro Galego de Cultura Popular.
O evento, promovido pola Xunta para impulsar e pór de relevo a cultura galega de base, desprega un intenso programa de tres días, enteiramente de balde, con concertos de bandas de música das catro provincias galegas, así como diversas formacións infantís e xuvenís.
Entre as bandas que protagonizan este evento multitudinario atópanse a Banda da Unión Musical de Meaño -que ofreceu un concerto infantil este sábado- e outras seis bandas da provincia de Pontevedra.
Foron a Banda de Lalín, a Banda Artística de Merza, a Unión Musical de Valladares, a Banda de Música de Salceda de Caselas, a Banda de Música de Salcedo ou a Banda da Escola de Música da Agrupación do Rosal.
Este II Encontro Galego de Cultura Popular nace con vocación de dirixirse a todo tipo de público, sexa ou non parte do sector.
Así, o encontro ofrece tanto contidos de tipo profesional como clases maxistrais con músicos recoñecido prestixio, conferencias ou mesas redondas, como un plan familiar de fin de semana.
O público asistente pode gozar dos concertos e espectáculos programados, con algunhas das mellores bandas de Galicia, visitar o recinto feiral do encontro ou participar en obradoiros de fabricación de instrumentos con materiais de refugallo dirixidos á cativada.