As voces femininas de diferentes xeracións de Malvela puxeron este domingo o broche de ouro ao ciclo Con voz de muller, que volveu este 2024 á programación das Festas de Verán de Pontevedra para encher as primeiras noites de agosto de grandes voces femininas.
Entre o mércores 31 de xullo e este domingo 4 de agosto, pasaron polo escenario da Praza da Ferrería catro concertos e un espectáculo de humor. Abriu o ciclo Guadi Galego e seguírona o grupo De Vacas, o espectáculo Sen restricións de Ledicia Sola, Carmen Méndez e Marta Doviro e Sheila Patricia, antes de pechalo este domingo Malvela.
Para este peche, as cantareiras de Mos contaron coa colaboración da súa "madriña", tal e como elas mesmas a presentaron desde o escenario. Non era outra que a cantante Uxía Senlle, que, xa iniciado o concerto, subiu ás táboas para acompañalas.
Este 'cameo' de Uxía Senlle foi o momento álxido dunha noite chea de tradición, folk e canto galego, no que o público encheu a Praza da Ferrería para poder gozar dunha das bandas máis emblemáticas da música tradicional galega.
Cada unha das actuacións do ciclo foi acompañada dun pasarrúas que percorreron os principais espazos públicos de Pontevedra desde as oito e media da tarde. Este domingo foi a quenda da charanga Bicoia.