As novas restricións impostas en Galicia afectan tamén ao Cineclube Pontevedra. Os responsables da súa programación víronse obrigados a adiantar unha hora o inicio das súas proxeccións. Ata novo aviso serán ás sete e media da tarde.
A billeteira do Teatro Principal abrirá tamén unha hora antes de cada proxección, dende as 18:30, para recoller as entradas para as dúas sesións programadas para este mes, que están dedicadas ao realizador francés Jean Renoir.
O novo horario estrearase este martes 19 de xaneiro con A grande ilusión, un drama belicista ambientado na Primeira Guerra Mundial e protagonizado por dous militares que viaxan nun avión derrubado polos alemáns e que acaban encarcerados.
Co grupo de compatriotas cos que coinciden na prisión organízanse para escavar un túnel que posibilite a súa fuxida.
Esta película foi censurada por Mussolini e por Goebbels, quen cualificou a Renoir como o inimigo cinematográfico número 1 da Alemaña nazi.
O martes día 26 vaise a proxectar a película As regras do xogo, vetada no seu día polo goberno de Francia e que é un estudo sobre os hábitos da burguesía ás portas da II Guerra Mundial, unha comedia de modais que agocha unha aceda crítica á alta sociedade francesa.
Nela, un adiñeirado aristócrata decide abandonar a súa amante para conservar o amor da súa esposa, cortexada ao tempo polo seu confidente e mais por un aviador. No transcurso dunha cacería, as intrigas amorosas mestúranse ata desembocar en traxedia.
As películas, como é habitual, emitiranse en versión orixinal (neste caso francés) e subtituladas.