O escenario da Ferrería acollía este luns o último espectáculo do ciclo 'Cabaré, cabaré!' dentro da programación das Festas de Verán deste 2021. A estrea da montaxe 'Fala-Me. Trad Cabaré' estaba previsto para a noite do domingo pero as choivas obrigaron a aprazalo a este luns 3 de agosto
Numeroso público acudía ata a céntrica praza, adoptando as medidas sanitarias de seguridade, para seguir o show ofrecido pola compañía do artista Nelson Quinteiro, de Cangas do Morrazo, no que se combina a tradición galega coa provocación do cabaré.
Desta forma, sobre o escenario representábase un salón de baile galego dos anos 30 onde se escoitaron regueifas e parrafeos unidas a danzas e contradanzas baixo unha iluminación que destacaba a sensualidade e o fetichismo da montaxe.
Ademais, a proposta de Nelson Quinteiro tamén permite comprobar o uso de máscaras ancestrais e instrumentos elaborados a medida, con vestiarios e complementos que buscan unha revisión da lingua e a cultura galega.