As novas películas de Jean-Luc Godard, Claire Denis e Christian Petzold, en marzo no Cineclube

Pontevedra
12 de marzo 2019

O Cineclube Pontevedra mira en marzo cara Europa e, máis concretamente, para Francia e Alemaña. A entidade ofrecerá a estrea en Pontevedra das tres últimas películas dos prestixiosos realizadores Jean-Luc Godard, Claire Denis e Christian Petzold

Escena da película "High Life", de Claire Denis
Escena da película "High Life", de Claire Denis

O Cineclube Pontevedra mira en marzo cara Europa e, máis concretamente, para Francia e Alemaña. A entidade ofrecerá a estrea en Pontevedra das tres últimas películas dos prestixiosos realizadores Jean-Luc Godard, Claire Denis e Christian Petzold.

Como é habitual, todas as proxeccións serán no Teatro Principal en versión orixinal con subtítulos en español, agás a de Godard, que poderá verse subtitulada en galego.

A primeira será O libro de imaxes, o último traballo de Jean-Luc Godard, que foi merecedor da Palma de Ouro Especial en Cannes 2018. É ao tempo unha reflexión nostálxica e literaria, máis filosófica ca política, sobre o mundo que nos rodea, sobre as guerras, a violencia, o mundo árabe ou sobre unha Europa á deriva. Poderá verse este martes 12, ás 20.30 horas.

High Life, de Claire Denis, é a opción elixida para o martes 19, tamén ás oito e media. É unha obra existencialista na que a directora abraza a ciencia ficción para contar a historia de dúas mulleres que forman dun grupo de condenados a morte que aceptaron conmutar as súas sentenzas por participar nunha misión con destino ao buraco negro máis próximo á Terra.

As proxeccións de marzo pecharanse o martes 26 con En tránsito, un filme que Christian Petzold converte nun potente artefacto político que conecta, co seu habitual talento narrativo, a figura da persoa refuxiada na Segunda Guerra Mundial co tempo presente.

Ambientada en Marsella, narra como persoas de toda Europa embarcan rumbo a América, fuxindo da ocupación nazi. O mozo alemán Georg suplanta a identidade dun escritor morto para utilizar o seu visado, que lle garante refuxio en México. En Marsella namora de Marie, unha moza que busca o home que ama, pero sen o que non está disposta a marchar.