As oito artistas que participan na terceira edición do programa Descúbreas xa se puxeron a traballar. Entre elas hai tres mozas da comarca: Arancha Rodríguez González (Pontevedra), Lidia Barreiro Aldao (Barro) e Alba Ermida Area (Poio).
O programa, que busca impulsar as carreiras musicais dunha nova xeración de artistas emerxentes, arrancou cunha sesión grupal de mentoría que abordou a industria musical e a imaxe persoal e artística, que se desenvolveu na sede da Deputación en Vigo.
A deseñadora Andy González abordou con elas a relevancia da imaxe persoal na carreira artística e ofreceu ás participantes un primeiro achegamento sobre a importancia de manter unha coherencia entre a estética e as propostas musicais e audiovisuais.
A xornada completouse coa intervención de representantes do equipo de Descúbreas, que lles deron ás artistas as primeiras claves sobre o funcionamento do mundo da industria musical.
"O noso obxectivo con este programa non é outro que conseguir que as mulleres accedan de xeito igualitario á industria musical, onde aínda teñen que lidar cunha fenda de xénero moi acusada", destacou a presidenta provincial, Carmela Silva, na inauguración desta sesión.
Con estas mentorías, as mozas recibirán o asesoramento de mulleres referentes do sector en Galicia e formación musical transversal a través de distintos obradoiros.
As participantes contarán ademais cunha banda de apoio formada por músicas profesionais nas súas actuacións. Trátase dun colectivo de artistas implicadas coa loita feminista como Ana Lucía, baixista de Agoraphobia, a guitarrista Laura Solla, a pianista Lidia Aldao e a batería Marina Acuña.