Regresa Sanxenxo de Cine. Farao, este mesmo xoves 28 de maio, coa película Así chegou a noite, a película que Ángel Santos rodou na zona da Telleira, en Vilalonga.
Así o avanzaron o concelleiro de Cultura, Xoán Manuel Pérez, e o produtor cinematrográfico Daniel Froiz, na presentación da segunda edición deste ciclo.
"Esta segunda edición contamos con películas moi especiais que dialogan moi ben entre si e volvemos apostar polos coloquios tras as películas ", apuntou Froiz.
Sanxenxo de Cine, que se celebrará no auditorio Emilia Pardo Bazán, "permítenos achegar longametraxes de calidade ao municipio a un prezo alcanzable", engadiu o edil.
O prezo da entrada por filme será de 3,75 euros e pódense adquirir online na plataforma Ataquilla.com ou o propio día no auditorio.
Xunto con Así chegou a noite, a segunda edición desta mostra cinematográfica completarase cos filmes Tres adioses, Valor sentimental e As liñas descontinuas.
O primeiro filme, rodado e ambientado en Vilalonga, Así chegou a noite, dirixida por Ángel Santos, proxectarase o xoves 28 de maio, ás 21:00 horas.
Nela abórdase a historia dun escultor que establece o seu taller nunha apartada zona rural. Aos poucos irá illándose da súa contorna, cortando todo contacto con amigos e familiares. Cando unha antiga amante acode ao seu encontro provocará a reflexión do escultor sobre o seu desexo de illamento e a necesidade dunha nova fuxida.
Tras a película haberá unha charla coloquio co director e actores da película.
Tres adioses de Isabel Coixet exhibirase o venres 29 de maio, ás 21:00 horas.
O filme aborda a separación de Marta (Alba Rohrwacher) e Antonio (Elio Germano). El, un chef prometedor, refúxiase nos seus fogóns; ela, no seu silencio, empeza a notar algo máis que tristeza: perdeu o apetito… e non só por desamor.
Cando descobre que detrás hai un problema de saúde, todo dá un xiro inesperado: A comida sabe mellor, a música chégalle como nunca e o desexo esperta as súas ganas de vivir sen medo.
Valor sentimental de Joaquim Trier emitirase o sábado 30 de maio, ás 21:00 horas.
Nela Nora, unha actriz de teatro consolidada, reencóntrase co seu pai, un director de cine que tenta regresar cunha película inspirada na historia da súa propia familia.
O proxecto reabre vellas feridas e obriga a pai e filla a enfrontarse aos recordos, os silencios e os afectos que nunca souberon como expresar.
A película As liñas descontinuas de Anxo Fazáns pechará o ciclo o domingo 31 de maio, tamén ás 21:00 horas.
Conta a historia de Bea, unha muller de 50 anos que se está separando do seu marido. O día que ten que abandonar o fogar no que viviu os últimos vinte anos chega á súa casa e atopa todo patas para arriba e a un dos ladróns durmido na súa cama.
Denís é un mozo trans de 28 anos que, a pesar de estudar unha carreira, loita coa precariedade laboral e a falta de oportunidades. Despois de pasar tres días xuntos, cada un deberá continuar o seu camiño.