Así soa "Sensacional", o primeiro adianto do novo EP de La Casa de los Ingleses

Pontevedra
30 de marzo 2023

O grupo pontevedrés acaba de publicar Sensacional, unha canción chea de matices sonoros co amor como tema principal. É o adianto do seu novo traballo musical

La Casa de los Ingleses
La Casa de los Ingleses /

O grupo pontevedrés La Casa de los Ingleses acaba de publicar este xoves 30 de marzo Sensacional, unha canción chea de matices sonoros co amor como tema principal.

Tanto o videoclip como a canción se atopan dispoñibles en todas as plataformas dixitais do grupo, que foron adiantando pequenas pinceladas durante os días previos nas súas redes sociais

O videoclip, que corre a cargo de Producciones Mutantes, presenta unha curtametraxe cunha estética moi coidada e que nos conta unha historia ao revés. Tal e como explica o grupo, o vídeo convida o espectador a velo varias veces para descubrir todos os detalles.

A canción, que foi producida e mesturada por Juan Hernández de Ronettstudio, e masterizada por Carlos Hernández Nombela, forma parte do seu terceiro traballo como grupo, o cal se espera para o mes de xuño.

Este terceiro EP chega tras a publicación de Punto de partida (2015) e La Tierra es plana (2018).

Desde La Casa de los Ingleses explican que este traballo autoeditado presenta atmosferas cheas de texturas, guitarras electrizantes, melodías contaxiosas e letras que van desde o amor ata a crítica social e a reflexión existencial.