Atopan o torso de pedra dun Cristo baixo o cruceiro de Outeda

Barro
04 de marzo 2023

A desmontaxe da base do cruceiro deparou esta sorpresa. Da plataforma resultou un despezamento de, polo menos, 20 pedras que foron debidamente numeradas para a súa recolocación, e baixo a base a pedra que forma o dado do pedestal estaba apoiado sobre xabre o torso dun Cristo

Atopan o torso de pedra dun Cristo baixo o cruceiro de Outeda
Atopan o torso de pedra dun Cristo baixo o cruceiro de Outeda / Concello de Barro

Nos traballos de desmontaxe do cruceiro de Outeda, situado no lugar do mesmo nome, atopouse o torso dun Cristo.

Os traballos de restauración deste cruceiro foron encargados polo Concello de Barro ao escultor Juan Cabeza Quiles.

Das investigacións realizadas dedúcese que o cruceiro foi tallado no século XVII. 

A desmontaxe da base do cruceiro deparou esta sorpresa. Da plataforma resultou un despezamento de, polo menos, 20 pedras que foron debidamente numeradas para a súa recolocación, e baixo a base a pedra que forma o dado do pedestal estaba apoiado sobre xabre o torso dun Cristo.

A peza é unha escultura de calidade e conserva a policromía nas costelas no punto no que, segundo a Biblia, Xesucristo foi lanceado.

Aínda se descoñece se o torso foi enterrado na base orixinal do cruceiro ou foi o resultado dunha posterior restauración ou cambio de localización.

O achado foi comunicado a persoal da Consellería de Cultura.

Desde o Goberno local entenden que "pola singularidade do achado e a calidade da súa feitura, o torso debería ser musealizado no edificio da Casa do Concello tendo en conta a súa idoneidade para a contemplación polos veciños".

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora