Atresmedia premia as propostas do alumnado de Ciencias Sociais e da Comunicación

Pontevedra
10 de xullo 2015

Unha aplicación específica para móbil; un portal de memes; a creación dun usuario único e manuais de estilo de redes sociais para programas do grupo Atresmedia. Estas propostas, xunto cunha exhaustiva análise e unha diagnose dos aspectos a mellorar no uso das redes sociais dos programas El Intermedio de La Sexta e RadioEstadio de Onda Cero, valéronlle o recoñecemento a estes estudantes

Programa "El Intermedio", de La Sexta (Atresmedia)
Programa "El Intermedio", de La Sexta (Atresmedia) / Atresmedia

Unha aplicación específica para móbil; un portal de memes; a creación dun usuario único e manuais de estilo de redes sociais para programas do grupo Atresmedia. Estas propostas, xunto cunha exhaustiva análise e unha diagnose dos aspectos a mellorar no uso das redes sociais dos programas El Intermedio de La Sexta e RadioEstadio de Onda Cero, valéronlle a un grupo de estudantes da Facultade de Ciencias Socias e da Comunicación para impoñerse aos traballos presentados por outras catro universidades españolas ao Proyecto Mañana do grupo audiovisual Atresmedia.

A primeira participación do Campus de Pontevedra nesta iniciativa, coa que o grupo busca potenciar a súa comunicación a través da redes sociais, saldouse coa elección da súa proposta como a mellor, segundo determinou o comité de dirección de Atresmedia na sesión de presentacións celebrada este xoves en Madrid.

“Confiabamos moito no noso traballo e tamén no equipo, pero eramos conscientes de que tiñamos que enfrontarnos a universidades que xa levaban anos participando e gañando”, explica Bernabé Carrillo, estudante de Comunicación Audiovisual, que xunto a Sara Varela e Miguel Grandío, estudantes da mesma titulación e Jennifer Álvarez, Susana Basoa e Zoe Calvo, graduadas de Publicidade e Relacións Públicas, conforman o equipo gañador, que contou coa coordinación dos docentes Alberto Dafonte, Silvia García e Xabier Rolán.

“Superorgullosa” asegura sentirse a decana da facultade Enma Torres, que este xoves estivo presente na exposición que o alumnado realizou na capital de España, ao tempo que considera que este recoñecemento proba “que traballamos a un nivel moi alto e estamos a ofrecer unha formación aplicada”.

No mesmo sentido, o docente e coordinador Alberto Dafonte non agocha a súa satisfacción “por un traballo realizado á marxe da actividade académica e no que o alumnado investiu moito tempo”.

O equipo da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación poderá beneficiarse dunha bolsa trimestral de prácticas remuneradas na área multimedia do grupo.