O Auditorio Valle-Inclán de Vilanova de Arousa abriu as súas portas este luns para acoller a primeira representación da V edición do Festival de Teatro FestiValle. Trátase da obra La cabeza del Bautista, da compañía Tribueñe.
Esta é a primeira ocasión na que devandita compañía se despraza até Galicia con este título e con Bodas de Sangre, que se representará este mesmo martes ás 20 horas, tamén no Auditorio Valle-Inclán.
A xornada inaugural do festival non puido ter unha mellor acollida, pois o público encheu as butacas do auditorio na tarde deste luns e estiveron presentes, entre outros, o director artístico do Festival de Teatro Festivalle 2026, José Luís Méndez Romeu; o presidente da Asociación de Amigos de Valle-Inclán, José María Paz Gago; o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo e os deputados provinciais Jorge Cubela e Javier Tourís.

Todos eles gozaron dunha representación na que, tal e como define a súa directora Irina Kouberskaya, "desde o relato bíblico Valle-Inclán salpica o texto de eco cos que os personaxes evidencian as súas miserias dentro do sórdido ambiente do pobo".
Juan Matute deu vida a Don Igi mentres que a encargada de converterse en La pepona foi Rocío Osuna; Miguel Pérez Muiños converteuse en El Jándalo e Pablo Mujica en Valerio el Pajarito. Chelo Vivares, Jose Manuel Ramos e Pablo Mújica representaron os mozos mentres que Candelaria da Sera, Virginia Hernández e Matilde Juárez deron vida as mozas.
CURSO DE VERÁN
A programación avanzará este martes pola mañá co inicio do curso de verán Valle-Inclán nas aulas cunha edición de especial interese para o profesorado de Secundaria e Bacharelato. Ademais, a asistencia ao curso contará con homologación oficial por primeira vez nestas cinco edicións.
Será cunha certificación de vinte horas, cinco delas non presenciais, avaladas cunha asistencia do 85% e co deseño dunha actividade relacionada coa vida ou obra de Valle-Inclán orientada a calquera materia da ESO ou Bacharelato.
Todo iso arrincará as dez da mañá na igrexa de A Pastoriza e comezará coas experiencias dos docentes que levaron o autor ás aulas. Finalizará a xornada cunha visita guiada pola Casa Museo Valle-Inclán.
PROGRAMACIÓN DA SEMANA
O FestiValle, que só acaba de comezar, ofrecerá o mércores a representación de Noche, de Alejandro Sawa, unha coprodución da compañía Micomicón e Teatro Español. A adaptación e dirección da obra, que inspirou a Valle-Inclán para construír a Max Estrella en Luces de Bohemia, corre a cargo de Mariano Llorente.
Completará a programación a proxección gratuíta de Tirano Bandeira, unha película de 1993 dirixida por Luís García Sánchez e interpretada por Ana Belén, que foi premiada recentemente co galardón Mari Gaila da Asociación de Amigos de Val-Inclán por este papel. Será o xoves 9 de xullo no Auditorio Valle-Inclán.