O alcalde, Ricardo Martínez, e a concelleira de Cultura, Ana Peña, presentaron o primeiro Festival Folclórico de Portas.
Terá lugar na Azucreira o domingo 11 de maio a partir das 18:30 horas para conmemorar o Día das Letras Galegas.
Participarán o Grupo de Danzas Amor Ruibal, Asociación Cultural Madia Leva, Asociación de Mulleres Rurais "Nogueira", Grupo Os Peta Portas e unha actuación sorpresa.
Ricardo Martínez salientou a importancia deste evento que será unha das actividades que se celebren no concello durante o "Mes das Letras Galegas".
Este festival concentrará no Auditorio de Portas a todo un elenco de grupos folclóricos da contorna que amosarán ao público asistente diversas pezas musicais e de baile tradicional galego.

Martínez indicou que o Festival Folclórico de Portas "é unha aposta clara polas nosas letras, a nosa xente, pola nosa cultura e pola nosa música xa que ademais de reivindicar o noso idioma queremos favorecer o encontro entre distintas agrupacións culturais e musicais que teñen como nexo común a recuperación, divulgación e promoción do noso folclore e da lingua galega".
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Ana Peña, agradeceu a colaboración de todos e cada un dos grupos que participarán neste Festival Folclórico e sinalou que "este espectáculo representa o compromiso do Concello de Portas coa lingua galega e coa nosa cultura".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.