Baiuca pon en pé a Poio no inicio do festival Sons de Ánkar

Poio
09 de xullo 2022

Combinando a música electrónica co folk galego, Baiuca non deu un respiro ao público no concerto que abría este venres a terceira edición do festival Sons de Ánkar, que continuará este sábado co concerto do cantautor galego Andrés Suárez

Concerto de Baiuca no festival Sons de Ánkar
Concerto de Baiuca no festival Sons de Ánkar / Concello de Poio

Combinando a música electrónica co folk galego, Baiuca non deu un respiro ao público no concerto que abría este venres a terceira edición do festival Sons de Ánkar.

O proxecto musical do catoirés Alejandro Guillán, todo un referente no panorama musical pola súa mistura dos sons tradicionais e formatos máis actuais, non deixou indiferente a ninguén.

Con este concerto, o artista repetiu presenza en Poio, logo do ofrecido en Ánkar ou ano pasado e que, como nesta ocasión, contou cunha gran afluencia de público.

Baiuca exhibiu en directo os temas incluídos nos seus dous discos, Solpor (2018) e Embruxo (2021).

Con este último traballo, recentemente logrou dous Premios da Música Independente (MIN) á mellor gravación de electrónica e ao mellor álbum en galego.

Sons de Ánkar continuará este sábado co concerto do cantautor galego Andrés Suárez.

Como o de Baiuca, o concerto, que comezará ás dez da noite, terá entrada libre.