Baobab Teatro, finalista aos Premios María Casares como "mellor espectáculo infantil"

Pontevedra
02 de xullo 2021

A compañía pontevedresa, Baobab Teatro, acada a candidatura finalista aos XXV Premios de Teatro María Casares

"Ris Ras" de Baobab Teatro
"Ris Ras" de Baobab Teatro / Baobab Teatro

O espectáculo "Ris Ras" de Baobab Teatro, estreado no Salón do Libro de Pontevedra é finalista na XXV edición dos Premios de Teatro María Casares na categoría de "Mellor espectáculo infantil", a gala celebrarase o próximo 9 de setembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

Como explican dende Baobab, "Ris Ras" é un espectáculo "pensado para enredar, rir e bailar, un espectáculo musical e teatral para os máis pequenos da casa onde a palabra e as brincadeiras están presentes para levarnos á tradición oral galega". O espectáculo está recomendado para idades de 1 a 8 anos.

En "Ris Ras", a dirección de escena foi compartida entre os pontevedreses Andrea Bayer e Óscar Ferreira, a escenografía está a cargo de Óscar Ferreira, a responsable do guión Andrea Bayer e da composición musical Davide González. Daniel Abalo encárgase da realización do deseño de luz e son, e sobre o escenario están as actrices Iria Pinheiro e Ailén Kendelman.

Baobab Teatro fundouse a finais do 2010 da man de Andrea Bayer e Óscar Ferreira; ambos cunha dilatada experiencia e varios premios e mencións no seu currículo, destacar o Premio Barriga Verde polo espectáculo 'O lobo e a lúa', o premio ao "mellor espectáculo para público infantil e familiar" na XXVII Feira de teatro Castilla e León, Ciudad Rodrigo polo espectáculo "Luppo", ou a Nomeamento aos Premios MAX polo espectáculo "Fíos", entre outros recoñecementos.

Os premios María Casares, que se celebran anualmente, foron creados en 1997 pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia co fin de estimular e recoñecer ó labor desenvolto pola profesión teatral en Galicia.