Baobab, unha entre mil na XVIII Feira de Teatro de Castilla y León

Pontevedra
27 de agosto 2015

A compañía pontevedresa Baobab Teatro representará este xoves a súa obra 'Luppo' na XVIII Feira de Teatro de Castilla y León 2015. A feira celébrase do 25 ao 29 de agosto en Ciudad Rodrigo (Salamanca), pero a representación dos pontevedreses será ás 11.00 horas deste xoves 27 no Teatro Nuevo Fernando Arrabal

Representación da obra "Luppo" de Baobab Teatro no Salón do Libro
Representación da obra "Luppo" de Baobab Teatro no Salón do Libro / Mónica Patxot

A compañía pontevedresa Baobab Teatro representará este xoves a súa obra 'Luppo' na XVIII Feira de Teatro de Castilla y León 2015. A feira celébrase do 25 ao 29 de agosto en Ciudad Rodrigo (Salamanca), pero a representación dos pontevedreses será ás 11.00 horas deste xoves 27 no Teatro Nuevo Fernando Arrabal.

A proposta de Baobab é unha das 36 obras seleccionadas de entre máis de 1.000 propostas nacionais e internacionais recibidas pola organización desta feira teatral, segundo informa a compañía. Nesta edición, daranse cita compañías españolas e doutros países europeos, abarcando os máis variados xéneros e estilos: teatro clásico, rúa, musical, danza, teatro de obxectos…

A feira, que este ano alcanza a súa 18 edición, é unha das máis importantes de España e todo un referente a nivel internacional, de aí a satisfacción de Baobab Teatro de poder formar parte da programación.

'Luppo', que se estreou no último Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, é un espectáculo de sentimentos e emocións pensado para adultos e pequenos a partir de 4 anos, que fala do ciclo da vida, do apego coas persoas, da relación cos nosos veciños e maiores e da importancia das historias que construímos ao longo da nosa existencia.

Baixo a dirección de Óscar Ferreira, en 'Luppo' suben ao escenario a actriz e dramaturga Andrea Bayer e o actor Xosé Manuel Esperante, cunha ampla experiencia teatral, cinematográfica e televisiva. Daniel Abalo é o encargado do deseño de luz e son;  Óscar Ferreira e Juan Silva, da escenografía; e o guión é de Andrea Bayer.