Barro e Portas acollerán o novo espectáculo de Sete Espadelas, centrado nos traxes do Camiño de Santiago

Barro
30 de setembro 2020

'Cando todos os camiños ían a Compostela. Os traxes do camiño' estará o 4 de outubro na Azucreira de Portas e o 11 no Pazo da Crega en Barro. As persoas asistentes poderán coñecer máis de trinta traxes, todos eles antigos ou fieis reproducións de orixinais de vilas como Melide, Abadín, Betanzos, Muros ou Pontevedra

Espectáculo anterior de Sete Espadelas
Espectáculo anterior de Sete Espadelas / Asociación etnográfica Sete Espadelas

Os municipios de Barro e Portas acollerán durante os vindeiros días o novo espectáculo da asociación etnográfica Sete Espadelas, 'Cando todos os camiños ían a Compostela. Os traxes do camiño', unha pasarela centrada nos traxes da ruta xacobea.

En total, organizarán cinco pasarelas en diferentes concellos polos que transcorre o Camiño Portugués, Mos, Barro, Portas, Padrón e Santiago. Estarán o 4 de outubro na Azucreira de Portas e o 11 no Pazo da Crega en Barro.

As pasarelas terán aforo limitado e, en atención aos protocolos anti Covid-19, será preciso reservar praza

As persoas asistentes poderán coñecer máis de trinta traxes, todos eles antigos ou fieis reproducións de orixinais de vilas como Melide, Abadín, Betanzos, Muros ou Pontevedra.

Este espectáculo parte da premisa de que os diferentes Camiños de Santiago foron unha das grandes fontes de influencia para a indumentaria tradicional galega, pois, a través deles, chegaron á sociedade tecidos e prendas de lugares foráneos que pronto adaptou ou asimilou. Por mar e terra, chegaron ata Galicia os panos de Béjar, os mantóns de Manila, o veludo francés, o cristal checo, ou os grandes panos de Paisley escoceses.

A asociación etnográfica Sete Espadelas naceu en Pontevedra e ten como obxectivo o estudo, divulgación e reprodución do traxe tradicional galego. Conta no seu haber con 28 premios no Día do Enxalzamento do Traxe de Santiago e 11 premios de Investigación Antón Fraguas. No ano 2019 realizou con gran éxito a exposición 'Galicia, a terra dos mil panos' no Museo de Pontevedra, que acadou máis de 11.000 visitantes.