O Festival do Humor chega este venres ao seu fin coa actuación da popular e televisiva Beatriz Rico que, para a ocasión, porá en escena un picante espectáculo ao puro estilo do cabaret. Será a partir das 21:00 horas no Auditorio de Vilagarcía e o prezo da entrada é de 7 euros. Trátase dun espectáculo para maiores de 16 anos.
Mejor viuda que mal casada é o título do peculiar monólogo que protagoniza Beatriz Rico e que ela mesma di que está especialmente destinado "a mulleres intelixentes e sen complexos, e a todo tipo de homes". Trátase dun espectáculo de 90 minutos de duración para que o público ría a perna solta.
Mejor viuda que mal casada conta a historia de Patricia, unha moza que pasouno moi mal porque era fea. Tan fea que a súa nai quixo cambiala nada máis nacer, pero non a puido colocar. Agora, crecidiña e tras curtirse na escola, Patricia conseguiu converterse nunha muller de bandeira, ademais de nunha devorahomes que decide tomar a xustiza pola súa man.
Trátase dunha obra escrita pola propia actriz e que inclúe algúns gags baseados nas súas propias experiencias vitais. Xogos de palabras, picardías, experiencias sexuais e ata cancións de cabaret forman parte do espectáculo.
As entradas pódense adquirir anticipadamente a través da web www.servinova.com e no teléfono 902 504 500. O mesmo día da función, na billeteira do Auditorio dende as 19:00 horas.