Benvida musical ao Culturgal 2025 cun concerto único polos 40 anos de traxectoria de Uxía Senlle

Pontevedra
28 de novembro 2025
Actualizado: 12:36

A artista fixo un percorrido polas súas cancións máis emblemáticas e subiu ao escenario do Pazo da Cultura a De Vacas, Antía Muíño, As Mosas (Chus e Ana Senlle), João Afonso e Quim Farinha

Concerto de Uxía Senlle para inaugurar o Culturgal 2025
Concerto de Uxía Senlle para inaugurar o Culturgal 2025 / Cristina Saiz

Xa está aqui unha das citas culturais máis esperadas do ano en Pontevedra, Culturgal, que durante este fin de semana encherá de actividade o recinto feiral e o Pazo da Cultura.

Para darlle a benvida, este xoves 27 o auditorio do Pazo encheuse de cultura, de música e de espazos compartidos da man de Uxía Senlle.

A artista abriu Culturgal 2025 cun concerto que, á súa vez, supuxo un repaso aos seus 40 anos de traxectoria artística.

Subíronse ao escenario catro décadas dunha das voces máis emblemáticas da música galega e tamén moitas máis voces amigas.

Acompañárona De Vacas, Antía Muíño, As Mosas (Chus e Ana Senlle), João Afonso e Quim Farinha nunha noite marcada pola emoción.

Non faltou tampouco unha banda de músicos cómplices na traxectoria de Uxía: Sérgio Tannus, Santi Cribeiro, Isaac Palacín e Pablo Novoa.

Xuntos realizaron un percorrido polas cancións máis emblemáticas do seu repertorio, creando un universo sensorial que avanzou do íntimo ao coral.

A súa actuación serviu tamén para dar a benvida a unha edición de Culturgal da que o seu director, Camilo Franco, destaca que ten a programación musical "máis interesante da historia da feira".

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora