Máis días e máis lugares para ler co Biblioverán 2026 en Soutomaior

Soutomaior
17 de xuño 2026

Desde a Concellería de Cultura e a Biblioteca Municipal Luís Seoane destacan a importancia de continuar impulsando iniciativas que acheguen a lectura á cidadanía

Patricia R. Saavedra e Silvia Cernadas
Patricia R. Saavedra e Silvia Cernadas / Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior presentou unha nova edición do Biblioverán, que este ano reforza a súa presenza no municipio coa incorporación dun novo día de actividade semanal e unha nova localización.

A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, e a bibliotecaria da Biblioteca Municipal Luís Seoane, Patricia R. Saavedra, anunciaron que a edición de 2026 suma os luns no Parque de Aranza, na zona do Chiringuito, ampliando así a súa programación e achegando a lectura a máis espazos de encontro e lecer durante os meses de verán.

O programa, premiado e que vén de gañar o premio Bibliotecas que Inspiran da Xunta de Galicia, desenvolverase do 24 de xuño ao 18 de setembro e manterá o seu horario habitual de 17:30 a 20:00 horas.

Ademais da nova cita dos luns en Aranza, o servizo estará presente os martes na praia do Peirao, en Arcade; os mércores na praia da Veiguiña Longa, en Comboa; e os xoves na praia da Xunqueira, tamén en Arcade.

Podes consultar toda a programación nesta lizazón.

Silvia Cernadas destacou que o Biblioverán é unha das iniciativas máis consolidadas da programación estival "e este ano damos un paso máis" para achegar a lectura e a actividade cultural a un maior número de persoas e espazos do concello.

Durante o verán, cada unha das localizacións acollerá propostas de animación á lectura, contacontos, xogos e actividades creativas que irán variando semana a semana, configurando unha programación dinámica e participativa pensada para o público familiar.

O obxectivo principal do Biblioverán é fomentar o hábito lector durante a época estival, facilitando o acceso aos servizos bibliotecarios, como préstamos de libros, devolucións ou lectura, sen necesidade de desprazarse ao edificio da biblioteca.