'Bóla extra' da homenaxe de Novos Cinemas á produtora arxentina Un Puma

Pontevedra
21 de febreiro 2026

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá este domingo 22 de febreiro, ás oito da tarde, a proxección de tres curtametraxes representativas do catálogo de Un Puma

Escena de 'Pude ver un puma', de Eduardo Williams
Escena de 'Pude ver un puma', de Eduardo Williams / Novos Cinemas

Dous meses despois de celebrar con grande éxito a súa décima edición, Novos Cinemas organiza unha sesión especial coa que busca dar continuidade á homenaxe que rendeu á produtora arxentina Un Puma, protagonista da súa última sección Foco.

Así, o Teatro Principal de Pontevedra acollerá este domingo 22 de febreiro, ás oito da tarde, a proxección de tres curtametraxes representativas do catálogo de Un Puma: Dear Renzo (2016), Electric Swan (2019) e Pude ver un puma (2011).

Todas elas son pezas inéditas en Galicia, destacan desde a organización de Novos Cinemas, que afirman que a entrada é gratuíta.

Dear Renzo, de Francisco Lezama e Agostina Gálvez, segue a tres arxentinos que vagan por Nova York nun xogo de identidades cruzadas e malentendidos lingüísticos. A curta foi premiada no BAFICI e exhibida en festivais como Viennale, Entrevues Belfort ou FICUNAM.

En Electric Swan, da directora grega Konstantina Kotzamani, o último piso dun edificio da Avenida Libertador comeza a desprazarse sen explicación aparente, convertendo o espazo nunha metáfora da inestabilidade social e emocional do presente.

Completa a sesión Pude ver un puma, de Eduardo Williams, estreada na Cinéfondation do Festival de Cannes, unha viaxe física e sensorial que anticipa unha das traxectorias máis singulares do cinema arxentino recente.

A sesión estará presentada polo director artístico do festival, Suso Novás.

Esta actividade puntual dá continuidade así ao traballo desenvolvido durante a última edición do festival arredor da produtora Un Puma, na que Novos Cinemas contou coa presenza de Jerónimo Quevedo, un dos seus fundadores.