Brincos eléctricos na apertura do Armadiña Rock

Poio
27 de agosto 2022

A xornada inaugural do Festival que se celebra na Praza da Chousa de Combarro foi un arrebato de enerxía coas actuacións de O Cadelo Lunático; MJ Pérez + Banda; Desakato e Llegamos tarde DJ Set. Este sábado continuarán os concertos a partir das 21.00 horas con Sofía Gabanna, Tremenda Jauría, Reincidentes, Rebeliom do Inframundo e La Quinkillada

Armadiña 2022
Armadiña 2022 /

Desakato, grupo asturiano de punk rock, subíase ao escenario da Praza da Chousa para rebentar de enerxía a noite deste venres na xornada inaugural do Festival Armadiña Rock, que volveu reunir a miles de persoas en Combarro, moitas delas acampadas na chaira da Seca.

Antes de Desakato, MJ Pérez coa súa banda ofrecía un recital con especiais referencias ás mulleres convidando a eliminar as malas vibracións e tamén O Cadelo Lunático fixeron que o público gozase de sons soul e de blues galego de calidade indiscutible. A sesión concluía con Llegamos tarde DJ Set, que permitiu que a música ecoase ata ben entrada a madrugada.

Este sábado manterase a actividade intensa na programación do Festival coa Sesión Fabulosa na Praza da Rualeira, a partir das 13.00 horas con Fondo Norte

Os concertos na Praza da Chousa volverán ás 21.00 horas con Sofía Gabanna; unha hora máis tarde, o estilo cumbia-punk da banda madrileña Tremenda Jauría seguro que sorprende a todos os asistentes. Ás 23.30, as letras críticas dos sevillanos Reincidentes explotarán cargadas de rabia. 

Xa ás 01.15 chegará o rap galego de Rebeliom do Inframundo e a noite pecharase con La Quinkillada, a partir das 02.40 horas.

O cartel do Armadiña Rock pecharase o domingo, á hora do vermú, coa Sesión Fabulosa de Sheila Patricia, ás 13.00 horas na Praza da Rualeira. Para todas as actuacións a entrada é libre.