A partir deste luns 2 de outubro, as persoas interesadas en participar das actividades que desenvolve a Aula de Teatro Universitario do campus de Pontevedra teñen a posibilidade de inscribirse nesta iniciativa que promove a Vicerreitoría do campus.
Trátase dunha proposta de carácter gratuíto para a que se establecen vinte prazas. Nun primeiro prazo poderanse apuntar as persoas integrantes da comunidade universitaria. Do 5 ao 9 de outubro terán a posibilidade de matricularse persoas que formaron parte da aula durante o curso anterior e, finalmente, entre o 10 e o 15 de outubro establécese unha nova etapa para o conxunto da cidadanía, sen necesidade de manter vinculación co campus.
Como en anos precedentes, está coordinada polo actor e director teatral Salvador do Río, integrante de Teatro de Ningures.
Esta actividade teatral desenvolverase os luns e mércores, entre outubro e decembro, na Facultade de Belas Artes, nunha primeira fase. Posteriormente abrirase un prazo de matrícula para o segundo cuadrimestre.
Os participantes elaborarán unha montaxe teatral que se presentará na nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU).
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.