ButacaZero leva este sábado ao auditorio de Vilagarcía a súa viaxe pola vida de María Casares

O Salnés
02 de marzo 2021

ButacaZero leva esta sábado 6 de marzo ao auditorio de Vilagarcía a súa viaxe pola vida de María Casares. Con todas as medidas sanitarias en regra e un aforo limitado a 100 persoas. O prezo das entradas é de 5 euros, coa posibilidade dunha bonificación para as persoas desempleadas, mayores de 65 anos e titulares de carné xove  

Cartel de "Despois das Ondas"

O teatro regresa o vindeiro sábado 6 de marzo ao Auditorio Municipal de Vilagarcia de Arousa da man de ButacaZero e coa súa premiada obra "Despois das ondas. Unha viaxe teatral pola vida de María Casares". Este espectáculo recibiu o premio Rafael Dieste de textos teatrais en 2017. A obra, programada en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, enmárcase nos actos do 8 de marzo, o Día da Muller.

A función comezará ás 20 horas, con aforo limitado a 100 persoas e un prezo único para as zonas A, B e C de 5 euros. Tal e como adoitan facer, as entradas estarán bonificadas para persoas desempregadas, maiores de 65 anos e titulares do carné xove. En calquera dos tres casos, os beneficiarios deberán demostrar documentalmente a súa condición.

Segundo ButacaZero "Despois das ondas" é, en realidade, "un filme feito en directo, unha viaxe pola vía teatral de María Casares".  A obra céntrase no período de despois da guerra, do exilio, da morte, do éxito, da soidade e do amor.

Tal e como indica a sinopse, "A nena medrou para converterse na gran actriz da escena e do cinema francés, no símbolo da España refuxiada, no recordo dunha Galicia perdida na brétema do pasado. Será precisamente nesa néboa onde a gran Casares deberá perderse para atopar o significado dunha vida chea de éxitos e perdas, onde as pantasmas que resoan na súa memoria axudarana a responder á verdadeira razón desta viaxe: quen é María?".

Nesta peza, que mestura cine en directo por unha banda, e teatro e música por outra; os espectadores poderán percorrer os lugares e momentos da vida de María Casares na súa viaxe de retorno tras corenta anos de exilio. Estará interpretada por Nerea Rey, Belén Constenla e Sonsoles Cordón, e dirixida por Xavier Castiñeiras cun texto de Ernesto Is.

As entradas para o espectáculo xa están á venda anticipadamente en ataquilla.com ou coa opción de compra telefónica, con gastos de xestión, no número 902 504 500. De non esgotarse, poderán adquirirse na billeteira do Auditorio a partir das 19:00 horas no mesmo día da función, o vindeiro sábado.